Hoxe pola tarde ardeu o monte na Espenuca. Afortunadamente, pouca extensión e situada nunha zona de escaso valor ecolóxico.
Segundo os axentes da Garda Civil consultados, a causa foi un accidente na finca dun restaurante que —malia que a herba estaba moi ben cortada— pasou ó monte contiguo. A queima de mato denso e alto provocou unha intensa fumareda que de lonxe facía presaxiar algo peor, pola proximidade á capela e ás casas. A pronta actuación de dous helicópteros, catro autobombas e seis brigadas logrou que a superficie queimada non superara as 4 hectáreas, afectando unicamente ó sotobosque.
No pasado inverno, cando rematámo-la reforestación da parcela A Ruza, unha sombra de temor levounos a pensar que todo ese traballo podería perderse nun instante por culpa dun incendio. Aínda terán que pasar varios anos até que as árbores plantadas pasen do actual porte arbustivo a ter porte arbóreo. Durante ese período non poderán interceptar suficiente luz como para limitar o crecemento do mato no sotobosque, nin crear as condicións de maior humidade e de menor temperatura que dificultan o paso do lume e reducen a súa intensidade. Este é o drama da restauración dos bosques. Precisamente cando máis necesitamos recuperalos, para que nos axuden a atenuar a crise climática capturando carbono atmosférico e aumentando de paso a resiliencia dos montes, máis vulnerables son fronte ás lapas.
Ante o lume hai que amosar respecto, prudencia e previsión. A situación actual lévanos a meditar na necesidade de incidir na formación, na prevención e na adopción de medidas de autodefensa de toda a cidadanía. Necesitamos protexer vidas e propiedades, patrimonio monumental e natural. A diferenza de hoxe, non sempre teremos dispoñible un equipo de profesionais que nos libre do avance dun incendio.














