As actividades da décimo-terceira edición da Semana de Custodia nas Mariñas desenvolvéronse baixo un tempo soleado, incluso demasiado cálido para traballar no campo. O programa iniciouse cunha andaina na que, afortunadamente, a sombra das árbores e a humidade do bosque atenuaron o rigor que a crise climática ten imposto nestes últimos días do verán.
O percorrido formativo co Dr. Manuel Antonio Rodríguez Guitián iniciouse no cumio da Espenuca, onde os 15 participantes puideron coñecer como a ocupación do monte dende tempos previos á romanización levou á plena deforestación que presentaba a principios do século XX. Pola contra, actualmente a eucaliptización impide gozar plenamente das vistas, salvo no pequeno sector formado polo par de tenzas que temos mercado, nas que obviamente no seu día eliminámo-los eucaliptos. A continuación procedemos a baixar até o lugar do Bocelo, para logo camiñar pola beira esquerda do río Mandeo, completando o percorrido de 7 km na ponte de Teixeiro. As paradas en diversas parcelas nas que temos actuado permitiron explicar os distintos xeitos de aborda-la restauración do bosque e amosa-los resultados en distinto grao de avance: dende a reforestación espontánea tras des-eucaliptizar até a intervención intensiva para lograr que prosperen 20 especies de árbores autóctonas da bisbarra nunha mesma parcela. Tamén deu pé a debater sobre a hipotética composición do bosque antes de sufrir a severa pegada humana que presenta actualmente. As detalladas explicacións e o interese dos asistentes fixeron que a actividade rematara hora e media máis tarde do previsto.
A primeira xornada de voluntariado foi na praia Grande de Miño. As 9 persoas que participaron centráronse na eliminación de especies exóticas invasoras, retirando un total de 207,05 kg de biomasa. O primeiro obxectivo era eliminar totalmente varias especies que xa erradicáramos no pasado, pero que volveron a aparecer: os plumachos (213 macollas), los mioporos (47 exemplares) e as crocosmias (das que desenterramos 104 tubérculos). Pero a maior parte do traballo consistiu en arrincar exemplares de eixerón (165,90 kg), aínda que non temos rematado coa presenza desta planta. Tamén arrincamos outras invasoras, como a acacia negra, e recollémo-lo lixo que atopamos na zona de actuación (165,90 kg). De tódolos xeitos, queda bastante traballo por facer, pois tra-las obras realizadas por Demarcación de Costas no ano 2024, ningún organismo público tense preocupado por manter en bo estado ecolóxico este sistema dunar.
A terceira actividade do programa foi a charla sobre incendios forestais co edafólogo Dr. Serafín González Prieto e co biólogo ambiental D. Xabier Vázquez Pumariño. As complicacións das ocupadas axendas destes dous expertos nos mantiveron en vilo até o día anterior, pero finalmente non foi necesario adia-lo evento. Debido á complexidade do tema a tratar, a conversa foi longa, esperando que axude a desfacer algúns mitos e sexa de interese para a audiencia. Actualmente achégase ó medio millar de persoas, pero irá medrando co tempo pois a sesión da charla está dispoñible en diferido en Youtube.
Como peche do programa fixemos unha segunda xornada de voluntariado. O obxectivo era actuar no rego de Fonte Xoán, pois nel descubriuse un vello vertedoiro incontrolado cando o último campo de traballo retirou o tapiz de tradescantia que o escondía. Aproveitando que apenas levaba auga, os 12 participantes puxéronse a apañar botellas, plásticos, ferros e todo tipo de refugallos ata encher o remolque, pesando un total de 707,60 kg. Aínda así, quedou suficiente lixo e tradescantia como para programar unha nova xornada antes de que as enchentes invernais arrastren refugallos e propágulos augas abaixo.
Hai dous aspectos a salientar nesta Semana de Custodia. O primeiro é a participación feminina, pois nas xornadas de voluntariado chegou a supoñe-lo 76 % e no percorrido formativo o 67 %, o que manifesta un maior compromiso das mulleres coa conservación da natureza. Pola outra banda, este ano a participación total foi inferior a edicións anteriores, asunto a mellorar en futuras ocasións.














