Hoxe iniciámo-la restauración ambiental do Picoto Pequeno. Xa que logo, temos por diante a dura tarefa de transformar nun bosque autóctono o que actualmente é un extenso eucaliptal situado nun terreo abrupto.
A zona de actuación é unha parcela de 32.222 m2 de superficie, da que é titular o Concello de Coirós. Mediante un convenio asinado no seu día, cedeunos o seu uso e a súa xestión durante medio século. Recibe o nome do Picoto Pequeno por ser un promontorio situado na ladeira norte do monte da Espenuca, reservando o nome do Picoto —tal como indica esta palabra— para o verdadeiro cumio do monte. Este ano a parcela foi deslindada polo concello e consecuentemente podemos inicia-la eliminación dos eucaliptos.
Os principios que van rexer esta restauración son catro. O máis evidente é o de aumenta-la extensión do hábitat natural, para beneficio das numerosas especies que viven no bosque caducifolio, incluídas varias que están ameazadas. O segundo é o de reduci-la fragmentación do hábitat, pois este eucaliptal está no medio dunha fraga, atenuando así o impacto negativo do efecto de borde ecolóxico. O seguinte é o de aumenta-la conectividade, xa que o futuro bosque enlazará a beira do río Mandeo (onde a parcela aínda conserva bosque de ribeira, cualificado como hábitat prioritario 91E0), coa cima da Espenuca (onde xa temos restaurado unha parcela de 2 hectáreas), mediante un corredor de 745 m de lonxitude. Por último, fomentar unha heteroxeneidade que o dote de resiliencia e favoreza a biodiversidade, mediante a plantación dun número elevado de especies arbóreas; deste xeito as estruturas das árbores serán variadas, florecerán e frutificarán en distintos meses do ano, e darán alimento e acubillo a diversos animais moi dependentes de especies concretas.
Os beneficios desta restauración serán múltiples. Dende a recuperación de recursos hídricos (o bosque caducifolio ten unha gran capacidade de almacenar auga) até a de reduci-lo risco de incendios forestais (aminora a intensidade e a velocidade dos lumes), pasando por unha longa lista na que non podemos esquece-la mellora paisaxística da que se beneficiarán veciños e visitantes.
Nesta primeira fase, o obxectivo é arrincar de raíz os eucaliptos pequenos e deixar expedito o terreo. Posteriormente haberá que corta-los exemplares de maior tamaño, retirando aqueles que estean situados en lugares accesibles. Entre a extensión da parcela e a dureza do traballo, pois ten que facerse manualmente, a previsión é a de actuar inicialmente na terceira parte da súa extensión.
A conservación da natureza é un traballo lento e duro. Por ese motivo, non debemos adialo. Está en xogo o noso futuro e a de toda a vida silvestre coa que compartimos este planeta.














