Este ano imos celebra-la décimo-terceira edición da Semana de Custodia nas Mariñas entre os días 12 e 20 deste mes de setembro. Tras unha tempada onde a crise climática manifestouse de xeito extremo na nosa bisbarra, en forma de vagas de calor, de restricións de auga potable e de lumes forestais, decidimos elabora-lo programa de actividades baixo o lema Fortalecendo a resiliencia das nosas fragas.
Resulta evidente que o bosque autóctono participa na regulación do clima, preserva os recursos hídricos e dificulta o avance dos incendios forestais. Por ese motivo o programa inclúe un debate sobre o sempre ameazante fenómeno do lume; tamén unha lección de campo para avaliar in situ os avances que temos acadado na súa recuperación e, sobre todo, un par de xornadas de voluntariado para fomenta-la participación cidadá na mellora do noso patrimonio natural mediante accións directas.
Por favor, descarga o programa e o cartel da Semana, en formato JPG ou ben en formato PDF, para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.
Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil, concello de residencia e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarásno-la organización.
Percorrido formativo pola fraga: Consistirá nunha andaina acompañada polo botánico Dr. Manuel Antonio Rodríguez Guitián. Ó longo dun itinerario polo monte da Espenuca e a ribeira do río Mandeo, este especialista nos bosques galegos irá explicándonos as características e valores das nosas fragas. De paso, iremos amosando as actuacións que temos realizado para a súa recuperación e debaterémo-las potenciais maneiras de mellora-los resultados. A participación estará limitada a 15 persoas, polo que se estás interesado deberás inscribirte con suficiente antelación para garantir ter unha praza. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 12 de setembro, de 9:30 a 17:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.
Xornada de voluntariado en Miño: Dende hai máis dunha década apadriñámo-la praia Grande de Miño. As nosas actuacións non se teñen limitado a recollidas de lixo periódicas, pois tamén temos eliminado numerosas especies exóticas invasoras, chegando a erradicar totalmente algunhas destas plantas. Pero, tralas obras da Demarcación de Costas, a praia foi recolonizada por varias delas, sendo a máis numerosa o eixerón. Canto antes eliminémo-los exemplares presentes, máis dificultaremos a súa propagación. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 13 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.
Charla «Analizando os incendios dende a ecoloxía e o ecoloxismo»: O monte da Espenuca ardeu a inicios do pasado mes de agosto. A pronta actuación dos bombeiros forestais logrou evitar un dano grave, pero persiste a preocupación de que no futuro se produza na nosa bisbarra un gran incendio forestal de consecuencias catastróficas. Conversaremos co edafólogo Dr. Serafín González Prieto e co biólogo ambiental D. Xabier Vázquez Pumariño sobre o fenómeno dos lumes forestais, para coñecer a imprescindible achega da ecoloxía e do ecoloxismo no debate sobre este asunto de tanta actualidade, centrándonos nas características que presenta no territorio galego e as posibilidades de aumentar a resiliencia dos nosos montes e aldeas. A charla será emitida telematicamente co obxecto de darlle maior audiencia, para o que contamos coa colaboración técnica de Roxín Roxal.
Data: Mércores 16 de setembro, de 19:30 a 21:00 horas.
Lugar: Emisión telemática en directo (tamén dispoñible posteriormente en diferido) a través de Youtube na sesión da charla.
Limpeza de ríos: Nesta ocasión a nosa recollida de lixo da Semana de Custodia adiántase tres semanas á limpeza simultánea dos ríos galegos coordinada polo Proxecto Ríos. Iremos ó rego de Fonte Xoán, nas proximidades da Casela (Coirós). Malia que o campo de traballo actuou alí o pasado mes de xullo con gran eficacia, aínda queda moito por facer. Xa que logo, retiraremos todo o lixo que poidamos e tamén unha planta exótica invasora, a tradescantia. Deste xeito evitaremos que as enchentes invernais arrastren refugallos e propágulos de tradescantia augas abaixo, pois rematarían no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 20 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.
Este ano non programámo-la eco-regata, por falta de suficientes embarcacións para levar o voluntariado a apañar refugallos na marisma. Pero non desbotamos recuperala en edicións futuras, no caso de que se comprometan patróns dabondo.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.














