Visita de Betula

20 Outubro 2026

 
Na tarde de hoxe recibímo-la visita da Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, representada polo seu presidente Pedro Cruzado e o asesor César Martínez, como resposta á nosa invitación de coñecer in situ o noso traballo.

Iniciámo-lo itinerario amosando a actuación realizada na parcela A Ruza, onde agora medran 20 especies de árbores autóctonas tras térmola restaurado o ano pasado. A continuación fomos ve-las tenzas a carón do miradoiro da Espenuca, como exemplo de intervención nun espazo abrupto, onde de paso recobramos parcialmente as vistas sobre o val do Mandeo. Logo descendemos a ladeira para observa-lo contraste entre as parcelas Espenuca e Picoto Pequeno. A primeira xa amosa un arborado vizoso, tras ter pasado unha década dende que abordámo-la súa restauración; na segunda aínda estamos na fase previa de erradicación dos eucaliptos, aproveitando esta circunstancia para explica-lo método que usamos para eliminalos. Como peche da visita desprazámonos até as nosas dúas micro-reservas, a do Catorce e a do Ollo da Roda.

Intercambiar experiencias e coñecementos entre entidades de custodia do territorio é un xeito de aumenta-la nosa eficacia na difícil angueira de restaurar hábitats e de preserva-la biodiversidade local. Por mor diso, as nosas dúas entidades están en permanente contacto. As circunstancias ecolóxicas e sociolóxicas das bacías do Eume e do Mandeo teñen matices distintos que requiren abordaxes diferentes; non obstante, a visión das nosas entidades sobre a necesidade de recupera-lo bosque caducifolio é a mesma.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).