Fraga da Espenuca

Campaña de restauración dun monte sagrado

Fotografía da aba oeste da EspenucaDentro dos esforzos que realiza Fragas do Mandeo pola conservación da natureza local, ten especial importancia o traballo de recuperación do bosque caducifolio no monte da Espenuca, por tratarse dun enclave emblemático na nosa bisbarra. Nel conviven os patrimonios natural, monumental e inmaterial, onde as penas e as construcións están arrodeadas de lendas, mentres os eruditos nos falan dun monte sagrado para os cultos precristiáns.

Aínda que unicamente a súa linde co río Mandeo forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, o conxunto do monte ten un gran valor ambiental e paisaxístico que debe ser protexido de maneira eficaz, procedéndose á restauración do hábitat natural nas zonas degradadas pola presenza de arborado exótico.

Un convenio de custodia do territorio

O 5 de maio de 2015, Fragas do Mandeo asinou un convenio co Concello de Coirós para xestionar durante 50 anos varias parcelas de bosque de titularidade municipal situadas no contorno do espazo natural protexido. Concretamente, tres están no monte da Espenuca e suman unha superficie de 64.195 m2.

A primeira delas localízase no alto da aba norte, ó pé da ermida. Presenta zonas rochosas e abruptas ―acumula un desnivel de 85 metros― que se mesturan con outras transitables pola súa menor pendente. Nesta parcela medraba un eucaliptal que ocupaba as súas dúas terceiras partes. A mediados do ano 2014 foi cortado para extrae-la madeira; cando se asinou o convenio os eucaliptos xa afillaran, acadando unha altura superior á dunha persoa. O resto da superficie está ocupada por unha fraga con carballos de pequeno porte.

Fotografía da aba norte da EspenucaA segunda parcela está na aba suroeste, preto da estrada de acceso ó miradoiro. Resulta a máis abrupta das tres, pois realmente é un cantil formado por domos graníticos, véndose impedido o paso salvo polo carreiro que vai polo fondal. Os eucaliptos medran entre as rochas, pero tamén pequenos carballos, loureiros e fentos, favorecidos por estaren no avesío. A presenza de numerosas acacias negras é preocupante, debido ó carácter expansivo desta especie exótica invasora e dada a dificultade da súa erradicación, pois cando se corta abrollan numerosos chupóns das súas raíces. Os eucaliptos afectan moi negativamente á paisaxe, xa que esta cara do monte é visible dende lugares tan frecuentados como Chelo ou a estrada xeral.

A terceira está situada no Picoto Pequeno, nome que recibe un promontorio situado na aba norte, por contraposición á súa curota (O Picoto). Esta parcela é adxacente á primeira e toma dirección nordeste pola ladeira máis pedregosa e seca. Está densamente colonizada por eucaliptos e algunhas acacias negras. Na parte baixa pasa sen transición a ser unha fraga na que dominan os carballos, constituíndo un tipo de bosque denominado carballeira galaico-portuguesa. Na linde co río transfórmase nun bosque de ribeira considerado como hábitat prioritario (91E0* Bosques aluviais de ameneiros e freixos).

Fotografía da reforestación

Aínda que o estado ambiental destas parcelas non é bo, o seu potencial para unha restauración ecolóxica é moi grande. Nunha parte considerable do monte da Espenuca prospera unha fraga moi diversa, composta por dúas decenas de especies de árbores autóctonas, na que algunhas manchas de especies foráneas rompen a súa harmonía. Esta intrusión foi en gran medida espontánea, debido a que na zona plantáronse orixinalmente como ornamento: xa no ano 1950 varios eucaliptos adornaban o miradoiro, antes de estenderse o seu aproveitamento forestal.

Dada a frecuente confusión, hai que advertir que a parcela que linda coa estrada de acceso, as que conforman o miradoiro e a que está detrás dos panteóns son do Arcebispado; as situadas no lado oeste do miradoiro, ocultando as vistas cara a Chelo, son de varios titulares particulares.

A metamorfose das parcelas

En xullo do 2015 Fragas do Mandeo iniciou o proceso de transformación destas parcelas, comezando pola que está ó pé da ermida. Debido á súa grande extensión, o abrupto do terreo e o moito que afillaron os eucaliptos, foi necesaria a contratación de profesionais forestais mediante financiamento externo.

A primeira fase foi eliminar toda a ramallada que quedara da corta dos eucaliptos, rozar tódolos fillos e dana-los cepos para secalos. Neste traballo necesitouse o emprego de ferramentas manuais e de maquinaria, tanto lixeira como pesada, prevíndose ós traballadores para que non realizaran movementos de terra nin alteraran rochas, tanto polo seu valor intrínseco como pola posibilidade de afectar a restos arqueolóxicos. Tamén se amañou un tramo de medio quilómetro da pista forestal (dende a estrada até a bifurcación Chelo-Bocelo), para facilita-lo transporte dos materiais de reforestación.

Fotografía da roza

En agosto do mesmo ano executouse a segunda fase coa axuda de voluntarios, plantando carballos e dotándoos de protectores fronte ós corzos. Deste xeito reforzamos a poboación daquelas árbores autóctonas que sobreviviron á corta, grazas a que eran moi pequenas ou a que afillaron dos cepos. Quedaba para unha terceira fase repasa-los cepos de eucaliptos que non deran secado e continuar reforzando a plantación sementando landras, castañas e abelás recollidas na zona.

Para facilita-las visitas á parcela deseñouse un itinerario que a percorre na súa totalidade, unindo camiños interiores e cruzando a pequena carballeira que xa existe. No seu arranque instalouse un panel informativo que facilita a identificación de nove especies de árbores.

No ano 2016 o traballo centrouse en controla-la reaparición de eucaliptos, tanto os rebrotados de cepos coma os nacidos de semente. A primeiros de maio vintecatro voluntarios repasaron exhaustivamente toda a parcela, antes de que o tamaño dos fieitos dificultara a labor. Pola contra, no segundo semestre foron suficientes un par de voluntarios para repeti-la tarefa en dúas ocasións.

Aínda que as actuacións nas outras dúas parcelas están pospostas para cando se dispoña do financiamento necesario, a finais de agosto do 2016 desenvolveuse no Picoto Pequeno un campo de traballo internacional promovido por Fragas do Mandeo e financiado polo Concello de Coirós e a Xunta de Galicia. Os dezasete voluntarios e catro monitores estiveron rozando e cortando eucaliptos novos na parte máis accesible da parcela, iniciando así un proceso de recuperación que se prevé longo pola extensión das parcelas, a densidade do eucaliptal e a orografía abrupta.
Imaxe do panel da Espenuca

Penas e lendas: o contorno mitolóxico da fraga

Na Espenuca, a falta de evidencias sobre o seu pasado compénsase coas numerosas lendas sobre as súas penas. Isto confírelles un interese cultural que se engade ó seu valor intrínseco como formacións xeolóxicas. A recuperación do bosque autóctono no seu arredor facilitará a súa visita e a súa contemplación, actualmente obstaculizadas polos eucaliptais.

En galego a palabra “espenuca” é sinónimo de caverna ou gruta. Procede do termo latino spelunca, que efectivamente significaba “cova”. Pero os eruditos consideran que co paso do tempo tomou o sentido de oco ou recuncho (natural ou artificial), chegando incluso a usarse como sinónimo de sepulcro. De feito hoxe en día seguemos a usar familiarmente “cova” co significado de tumba.

Fotografía dunha penaA natureza granítica do monte dificulta a existencia de grutas profundas, pero non impide a presenza de conxuntos de rochas que conforman ocos ou refuxios. Un exemplo disto é a pena da Señora, onde a forma cóncava da súa parte inferior, composta por un conxunto de alvéolos, dá lugar a un espazo abovedado. Baixo dela, nunha cazoleta acumúlase auga que a xente tiña por milagreira, afirmando que a habitaba unha señora encantada e falando dunha trabe de ouro.

Ante a ausencia de cavernas, estes refuxios pétreos puideron servir para ritos relacionados co culto ós espíritos ou divindades que habitan as penas e os outeiros. Numerosas rochas do monte reciben nome e teñen lendas asociadas. Algunhas delas xa desapareceron, como a Roibal, a Zoadora e a chamada Fémur Pétreo. Pero podemos visita-lo Forno de Allares (un conxunto granítico que forma una pequena cova na que figuran dúas cruces gravadas), as penas dos Castelos (por estaren xuntas en posición vertical), o penedo Abaladoiro (que se move co peso dunha persoa), a pena do Outeiro e a Cama de Santa Eulalia (ambas ó pe do campanario), a pena Botilla (situada detrás desta edificación, foi deteriorada na rehabilitación dos anos 80), a da Roda e a do Alxibe (da que din que na primeira os romanos facían rodas e na segunda gardaban a auga), a do Corvo, a da Cabra ou a do Meixón, ademais da citada pena da Señora.

Fotografía actual da ermidaSon poucos os restos arqueolóxicos descubertos, pois non se ten acometida ningunha escavación que aclare a evolución deste enclave. Non hai probas da existencia dun castro, pero unha estela funeraria e os anacos de tégulas que poden atoparse no contorno do miradoiro indican un asentamento da época romana. Esta convicción nace no ano 1949, cando se acharon un muíño de man e varias tégulas de reborde na construción da estrada de acceso.

A longa historia da ermida

A inscrición que existía na pena Paxara ―destruída en torno a 1890 en busca dun hipotético tesouro oculto― indicaba que a ermida xa estaba edificada no século IX en honra a Santa Eulalia, dato confirmado tamén por un documento da época. Pero os eruditos sospeitan que houbo unha construción anterior, posiblemente erixida no século VI como cristianización dun lugar de culto primitivo que foi usado como necrópole polos romanos, edificio que logo sería destruído nas invasións normandas do seguinte século. O culto a Santa Eulalia de Mérida, mártir executada no ano 303, trátase dun dos máis antigos de Galicia, sendo citado tamén como Santa Aia, Baia ou Olalla.

Fotografía da ermidaA santa estaba considerada como avogosa nos partos e favorecedora da fertilidade. Esta crenza enlaza coas antigas tradicións das camas líticas nos ritos de fecundidade, relacionándose coa pena chamada Cama de Santa Eulalia. Durante moitos séculos celebrouse a romaría o día da Natividade da Nosa Señora (8 de setembro); moi concorrida no pasado, foi minguando a súa popularidade até reducirse a unha festa patronal.

Citada en documentos como mosteiro de Sancta Eolalia de Spelunca, a comunidade relixiosa e os seus bens foron incorporados ó mosteiro beneditino de Cis no ano 1063. Deste xeito pasou a ser un priorado, até que no século XV constituíuse en parroquia. Actualmente a igrexa de San Xulián de Coirós, situada nas inmediacións da casa consistorial, é a sede parroquial.

O edificio que vemos hoxe ten unha estrutura románica do século XII, con cambios realizados no século XIV. Sufriu unha importante transformación no XVIII, sendo a restauración actual da ermida e do seu contorno da década de 1980. Consta dunha única nave con ábsida rectangular e bóveda de canón, pero xa non podemos contemplar as pinturas datadas entre o XV e o XVI que decoraban o seu interior.

O campanario, o castelo e a botilla

Na visita a Espenuca sorprende que o campanario estea separado da ermida. A lóxica di que a localización desta espadana no lugar máis alto facilita que o son da campá chegue máis lonxe, pero abre a pregunta de por qué non fixeron a ermida ó seu carón. Os razoamentos dos eruditos apuntan a que a localización da ermida está determinada por cultos anteriores. Unha lenda resolve esta incógnita dicindo que no tempo mitolóxico dos mouros empezouse a construír no cume do monte. Rematada xa a espadana, empezaron a face-las paredes da ermida, pero ó día seguinte tódalas pedras apareceron máis abaixo. Volveron a poñelas xunto á espadana, pero de noite volvían cambiar de sitio. Cansos da rutina deste encantamento, decidiron edifica-la ermida onde está actualmente e deixa-lo campanario onde o erixiran.

Fotografía do campanarioA espadana actual foi construída no século XVIII. Tiña chanzos de pedra, tal como pode observarse en fotografías da década de 1920. Crese que foron eliminados para evitar que a xente subira a toca-las inscricións da campá como parte dun rito de fertilidade. A campá orixinal, datada en 1693, foi roubada nos anos 60 do pasado século. Dúas décadas despois colocouse unha nova e púxose a cruz que coroa a espadana. O cruceiro que a acompaña instalouse en 1985 compoñendo pezas procedentes de varios lugares.

Os documentos bibliográficos falan da existencia nos séculos IX e XII dun castelo, que debe entenderse como unha torre de vixilancia. Os seus restos posiblemente foron utilizados na construción da ermida.

Na esquerda da entrada ó recinto da ermida sitúase a botilla, nome que recibían na comarca as dependencias das igrexas que servían de almacén e que eran usadas polos curas na comida do día do patrón. Xa existía no século XVIII, contando nos seus muros elementos tan antigos como a estela funeraria ―decorada cun tríscele― utilizada como lintel da porta. Nos anos 80 transformouse nunha pequena capela cunha imaxe moderna da Nosa Señora, e foi dotada cunha pía bautismal románica traída doutro templo.

Un célebre miradoiro

O miradoiro da Espenuca foi construído pola Deputación da Coruña en 1949, para aproveita-las amplas panorámicas do picoto sobre toda a contorna, sendo de visita obrigada para os forasteiros que quixeran coñece-la nosa bisbarra. Actualmente os eucaliptos ventureiros que medran na súa cara oeste dificultan a contemplación do lugar de Chelo, declarado paisaxe pintoresco en 1972.

O vértice xeodésico instalouse no ano 1981, establecéndose a súa altitude en 288,20 metros e a súa posición en –8° 09′ 22,98” de lonxitude e 43° 15′ 48,17” de latitude (datum ETRS89, UTM 29T X = 568.467 Y= 4.790.409).

Máis información

Para ampliar coñecementos sobre os monumentos e lendas do monte, a publicación máis completa e fidedigna é o artigo Espenuca: inscrición, edificios e lugares máxicos, de Xosé María Veiga Ferreira e Juan Sobrino Ceballos, en Anuario Brigantino 2012, nº 35, páx. 59-98.

Data publicación: 5-8-2015
Última modificación: 17-8-2017
>> Páxina seguinte: Reserva do Catorce

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).