Litoral

Campaña de custodia e apadriñamento da costa

Fragas do Mandeo ven actuando no litoral da comarca de As Mariñas dende xullo de 2011, cando realizou unha limpeza de lixo e de eliminación de especies exóticas invasoras na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño) para celebra-lo seu primeiro aniversario.

Posteriormente, de novo coa axuda de voluntarios e a colaboración do Concello de Miño, repetímo-la experiencia na mesma praia como parte de catro edicións da Semana de Custodia do Territorio. O noso interese neste areal radica en que é a mellor zona dunar do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, polo que merece especial atención.

A praia da Alameda é un pequeno areal situado na desembocadura do río Lambre. Cando baixa a marea, quedan zonas extensas de fondos areosos nos que as aves limícolas atopan sustento: pilros, biluricos, mazaricos, gabitas… A súa zona
ten un relevo escaso, pero presenta unha gran diversidade de plantas, sendo a manifestación máis relevante deste hábitat en todo o espazo protexido.

Na post-duna formouse unha pequena área húmida, onde medran xuncos e espadanas. Frecuentada polos lavancos, nela tamén pode sentirse o canto do rascón de auga. No lado más afastado da praia unha banda de bosque de ribeira composto por ameneiros e salgueiros oculta as vivendas próximas e da acubillo a moitos paxariños.

Enterrado na area ou baixo a leña que trae a marea escóndese o escaravello das praias (Eurynebria complanata). A poboación mundial deste coleóptero nocturno está en franca regresión, polo que hai que tomar medidas precautorias, entre elas a conservación do seu hábitat.

No linde entre a zona húmida e a duna gris descubrimos un exemplar de Dorycnium rectum, do que se descoñecía a súa existencia na provincia de A Coruña. Este arbusto recibe varios nomes en castelán, entre eles carretón bravo e emborrachacabras. Presenta unha distribución mediterránea; de feito é moi escaso en Galicia. Dada a súa rareza, enviamos mostras deste exemplar ó Herbario SANT da Universidade de Santiago de Compostela.

Apadriñando a praia da Alameda

O obxectivo no ano 2011 era eliminar dúas especies exóticas invasoras na praia da Alameda: a uña de gato (Carpobrotus edulis) e o plumacho (Cortaderia selloana), tamén chamado herba da Pampa.

Fotografía da eliminación da uña de gato (Carpobrotus edulis) na praia da Alameda (Miño, A Coruña)A uña de gato ocupaba unha extensión reducida preto das escaleiras de baixada á praia. Arrincáronse tódalas plantas e non volveron a saír nesa zona. O caso dos plumachos foi máis complicado e houbo que volver no ano 2013 a retira-los que foron aparecendo.

Na terceira edición da Semana de Custodia (setembro de 2014), de novo repasamos os plumachos. Tamén atopamos un pé de uña de gato que acababa de prender no outro extremo da praia e retiramos todo o eixerón (Conyza canadensis). A diferenza dos plumachos, estas dúas plantas son doadas de arrincar.

Na última edición da Semana de Custodia centrámonos en eliminar unha nova especie, a santalina de auga (Cotula coronopifolia), ademais de constata-la ausencia da uña de gato e retirar algúns pés novos de plumachos. O eixerón reapareceu en abundancia e non se deu retirado todo o que había.

Podemos dicir que actualmente na praia están erradicados os plumachos, a uña de gato e a santalina de auga. Aparte de revisar que non volven a colonizala, queda para o futuro ―coa colaboración do Concello de Miño― elimina-lo eixerón e outras especies exóticas invasoras, como son o Aster squamatus e o xunco Cyperus eragrostis.

En cada unha destas intervencións, un grupo de voluntarios dedicouse a recoller todo o lixo que atopou mentres o resto atacaba ás invasoras.

Eliminando plumachos

Elimina-los plumachos na praia da Alameda non foi doado, pois arrincámolos usando pás e sachos. Aínda que moitas plantas parecían pequenas e o terreo areoso ía facilita-lo traballo, a realidade é que teñen un sistema radicular moi extenso e custou arrincalas.

Foto arrincando plumachosNeste traballo hai que ter coidado. As follas teñen un borde serrado que corta. Por iso hai que poñerse luvas, levar roupa de manga larga para non lacera-las extremidades e usar gafas para protexe-los ollos (de seguridade, de sol ou correctoras, o asunto é que non estean indefensos).

No caso de que xa floreceran cando se vai traballar, previamente debemos corta-las flores e metelas en bolsas para seren destruídas. Se as sementes xa están maduras, é conveniente poñe-la bolsa debaixo de xeito que recollámo-las sementes que sempre caen cando se están a cortar.

Tamén hai que ter coidado de retirar tódalas plantas arrincadas e destruílas, pois calquera pé con raíces que quede esquecido ou caia no camiño pode volver a prender.

Trala primeira intervención na praia da Alameda, os plumachos volveron a saír. Nuns casos foi porque pasaron desapercibidas plantas pequenas e noutros porque xerminaron as que estaban no banco de sementes oculto na area. Pero tamén foi porque a marea trouxo novas sementes, presumiblemente procedentes das grandes matas que había debaixo do viaduto da autoestrada que cruza o río Lambre, preto da súa desembocadura. Por motivos como estes sempre é obrigado repasa-la zona de actuación os seguintes anos.

Fotografía da eliminación dos plumachos (Cortaderia selloana) na praia da Alameda (Miño, A Coruña)O inverno é unha oportunidade ideal para revisar que non volven a saír. Nesta estación é moi fácil distingui-las plantas pequeniñas dos plumachos: a súa cor verde claro destaca na zona dunar entre o amarelo da vexetación autóctona xa agostada. Así puidemos detectar ducias deles onde parecía que non había ningún, coa vantaxe de que eran doados de arrincar por seren aínda moi pequenos.

Os plumachos tamén poden combaterse con herbicida, especialmente cando aparecen en lugares onde non poden arrincarse á man nin con maquinaria pesada (polo seu tamaño, por creceren entre rochas ou porque se desestabilizarían noiros). Nestes casos hai que seguir tódalas precaucións do produto, entre as que se encontran aplicalos cando non sopra o vento, sen prognostico de choiva, suficientemente lonxe de masas de auga, etc. Para reduci-lo impacto ecolóxico e económico, aconsellamos cortar primeiro a mata —nos meses de xullo e agosto, xusto antes de que florezan— usando un gabillo ou unha desbrozadora equipada con coitela ou espada. Un mes máis tarde, cando as follas novas xa teñen preto de 50 cm, aplícase glifosato ó 3% mediante un pulverizador de man, o que permite botalo nas follas novas sen que afecte á vexetación circundante. Isto é especialmente importante, porque ós plumachos cústalles máis colonizar áreas con boa cobertura vexetal que aquelas onde a terra está espida.

Outros tramos de litoral

O noso apadriñamento do litoral da comarca de As Mariñas non se limita á praia da Alameda. Pouco a pouco imos intervindo en máis tramos de costa.

A marisma do Lambre está situada ó sur de dita praia. Malia o seu valor ambiental, non forma parte do espazo natural protexido. Nela vimos eliminado dende 2013 os plumachos, budleias e crocosmias que nacen baixo o viaduto (a autoestrada funciona como propagadora das sementes das dúas primeiras especies).

No ano 2015 iniciamos o apadriñamento da praia Grande de Miño, erradicando varias especies exóticas invasoras nas dunas: uña de gato (Carpobrotus edulis), vinca (Vinca difformis), plumacho (Cortaderia selloana), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), margarida africana (Arctotheca calendula), yuca (Yucca gloriosa) e lirio azul (Iris germanica).

O balance das invasoras

A continuación amosamos as dezasete especies exóticas invasoras que temos eliminado na marisma do río Lambre e nas praias da Alameda e Grande de Miño. Cun asterisco figuran aquelas das que, por diversos motivos, aínda non temos erradicado tódolos focos localizados; no resto dos casos arrincáronse tódolos exemplares coñecidos, polo que agora están na fase de vixilancia de reaparicións até comprobar a súa erradicación definitiva.

uña de gato (Carpobrotus edulis)
plumacho (Cortaderia selloana)
vinca (Vinca difformis)
santalina de auga (Cotula coronopifolia)
eixerón (Conyza canadensis)
áster (Aster squamatus)
margarida africana (Arctotheca calendula) *
cala (Zantedeschia aethiopica)
yuca (Yucca gloriosa)
lirio azul (Iris germanica)
cyperus (Cyperus eragrostis)
crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora)
carrapatón (Bidens frondosa)
té americano (Bidens aurea) *
budleia (Buddleja davidii)
mioporo (Myoporum laetum)
chopo híbrido (Populus x canadensis) *

Menos plásticos no mar

Os plásticos e outros refugallos son un grave problema para o ecosistema mariño. O noso apadriñamento de tramos de litoral vai acompañado de recollidas periódicas de lixo nas praias da Alameda e Grande de Miño.

Para acometer a limpeza da extensa marisma de Betanzos, dende 2014 celebramos anualmente unha eco-regata. Grazas a esta competición lúdica por recoller lixo coa axuda de embarcacións, nas tres primeiras edicións enchemos 5 contedores industriais cos refugallos retirados (aproximadamente 35 m3).

Esperando un convenio de custodia

En marzo de 2012 Fragas do Mandeo propuxo á Demarcación de Costas de Galicia a sinatura dun convenio de custodia do territorio nun tramo de litoral da bisbarra. O obxectivo era formalizar un proxecto plurianual que garantise a continuidade dun conxunto de actuacións de conservación da biodiversidade nos cantís costeiros.

A Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad recolle esta posibilidade no seu artigo 72, pois contempla a promoción da custodia do territorio e afirma:

“La Administración General del Estado, cuando sea titular de terrenos situados en espacios naturales, podrá llevar a cabo el desarrollo de acuerdos de cesión de su gestión, total o parcial de los mismos, a entidades de custodia del territorio. Estos acuerdos para la cesión de la gestión, se establecerán por escrito en forma de convenio administrativo plurianual que preverá el sistema de financiación para su desarrollo, bien mediante aportaciones económicas, edificaciones, equipamientos, maquinaria, vehículos o cualquier otro bien o servicio, así como las directrices mínimas de gestión, fijadas en un precedente
plan de gestión.”

A idea foi ben acollida, redactamos un borrador de convenio, pero o asunto está parado no ministerio. A realidade é que no día de hoxe —até onde sabemos— aínda non hai ningún convenio de custodia do territorio no dominio público marítimo-terrestre español, malia que a lei data do ano 2007.

Algúns consellos

Se hai plantas de plumacho ou de uña de gato no entorno no que vives, promove a súa eliminación (están incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, polo que está prohibida a súa posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares). Mentres non se retiren os plumachos, podes corta-las súas flores antes de que as sementes maduren, metelas nunha bolsa de plástico e destruílas.

Participa na campaña Colle tres, retirando tres refugallos que atopes na praia cada vez que vaias a bañarte ou a pasear.

Nunca tires restos de plantas exóticas no monte nin ceibes mascotas, pois podes crear graves problemas ambientais que afectan ás especies autóctonas. Na páxina As especies invasoras da nosa web tés máis información.

Data publicación: 20-8-2014
Última modificación: 3-4-2020
>> Páxina seguinte: Ríos

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).