Campaña de recollida de lixo na ría de Betanzos
A desembocadura do río Mandeo na ría de Betanzos forma unha extensa marisma de indubidable valor ecolóxico e paisaxístico. A importancia para a biodiversidade deste hábitat como zona de cría de innumerables organismos mariños, incluídos peixes e mariscos de interese comercial, resulta evidente.
Lamentablemente, a vila sempre usou o curso fluvial para desfacerse do lixo. Por ese motivo o antigo matadoiro da Ribeira e a vella fábrica de curtidos da Magdalena emprazáronse a carón do Mandeo (hoxe estes edificios están afastados del polos recheos e o desvío do seu leito, respectivamente). Este uso do río como vertedoiro seguiu até tempos recentes, acumulándose na xunqueira unha inmensa cantidade de refugallos de toda caste.
Aínda hoxe seguen activas fontes de lixo. A principal é seguramente a festa dos Caneiros, complementada cos botellóns nos peiraos do paseo da Tolerancia e do porto. Nos lugares máis próximos ó Pedrido son máis frecuentes os residuos procedentes das actividades pesqueiras, marisqueiras e de náutica recreativa, traídos polas mareas. Dos vellos vertedoiros incontrolados, situados nos noiros que delimitan a xunqueira, seguen a caer refugallos que arrastran as correntes. Por último, os pendellos dos labradíos de auto-abastecemento situados na periferia da marisma son focos de plásticos agrícolas e refugallos diversos.
Malia esta situación de abandono, nunca se acometeron actuacións de maneira sistemática para mellora-lo estado de conservación desta marisma, que forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Coas súas 315 hectáreas de superficie, supón case a terceira parte da extensión deste enclave integrado na Rede Natura.
As seis primeiras eco-regatas
Para aborda-lo enorme problema dos residuos acumulados na marisma ó longo do tempo, no ano 2014 programámo-la primeira edición da Eco-regata Ría de Betanzos, como un evento anual de carácter festivo no que lanchas e voluntarios competirían para recolle-la maior cantidade de lixo posible.
O éxito desa primeira edición, na que o contedor industrial habilitado para acumula-lo lixo non foi suficiente, aconsellou repeti-la fórmula nos seguintes anos, xa con dous contedores, até que a crise sanitaria do ano 2020 obrigou a suspendelas temporalmente.
As edicións dos anos 2017 e 2018 foron especiais. A diferenza das outras, as lanchas non cargaron cos refugallos até o porto de Betanzos, pois o calado non lles permitía acceder ó sector da marisma escollido para limpar, situado entre a punta da Ostreira e o pazo de Mariñán. Por outra banda, había unha enorme cantidade de rodas, difíciles de manipular polo seu peso. Consecuentemente, optouse por contar co apoio dun camión-grúa que operase dende unha estrada próxima. Aparte da gran cantidade de lixo diverso que apañamos, nestas dúas edicións retiramos 84 rodas de camión, 2 de tractor e 10 de turismo, o que da unha medida da eficacia das eco-regatas.
Grazas ó voluntariado, ós propietarios das lanchas participantes e ás entidades que colaboraron na organización, nas seis primeiras edicións recollemos un total de 80 m3 de lixo. Daquela non pesabámo-lo lixo, pois a cantidade era enorme e frecuentemente rematabamos cando xa era de noite. Pero uns cálculos precisos, baseados na nosa actual experiencia, permiten estimar que equivalen a un peso de 17.470 kg, como mínimo.
O ano da pandemia
No ano 2020, xusto antes do inicio da crise sanitaria, convocamos un par de xornadas de voluntariado para retira-lo lixo acumulado nun vertedoiro incontrolado, situado no noiro da xunqueira a carón do observatorio ornitolóxico de Souto (Paderne). O resultado foi un peso total de 1.086,50 kg.
Unha lancha para traballar todo o ano
Na última eco-regata previa á pandemia detectamos un declive nos resultados. O motivo era que as lanchas soamente actuaban nas zonas da marisma ás que podían achegarse sen embarrancar, quedando o lixo sen recoller en lugares cada vez máis lonxe dos puntos de desembarco. Outro obstáculo é que a meirande parte dos participantes non ten as condicións físicas nin o equipamento necesario para o duro traballo de apañar refugallos no esteiro, onde é moi fácil espetarse.
Por ese motivo, decidimos mercar unha lancha con características específicas que permitiran internarnos nas zonas onde o resto das embarcacións non podían acceder. O 20 de agosto do ano 2022 foi a botadura inaugural, dando un novo impulso á limpeza da ría mediante recollidas con periodicidade semanal. O obxectivo inicial era retirar no prazo dun ano 1 kg de lixo por cada euro investido no equipamento.
Lixo por toneladas
Como era de esperar, a nosa lancha participou moi activamente na sétima edición da eco-regata, xa superada a pandemia. Nesta ocasión pesamos sistematicamente todo o recollido, resultando na modesta cifra de 674,65 kg. Confirmábase así a tendencia de que cada vez están máis limpas as zonas nas que poden actua-las embarcacións participantes na eco-regata, pero quedando lixo nas zonas de máis difícil acceso.
A nosa lancha seguiu coas saídas semanais. Pronto decatámonos de que superaríamos con creces a meta inicial, polo que elevámo-lo listón a unha tonelada de lixo mensual durante doce meses, bautizando a campaña como «Basuraleza: 12 meses, 12 toneladas». Cando aínda faltaban cinco semanas para finaliza-lo prazo establecido xa superáramos o novo obxectivo. Grazas a un esforzo extraordinario o último mes, a campaña rematou cun balance de 15.053,95 kg apañados en 42 saídas coa lancha.
Sumando todo o recollido nas sete edicións da eco-regata, nas dúas xornadas de voluntariado en Souto e o apañado coa lancha nesta campaña, o resultado é que no aniversario da botadura xa levábamos retiradas na marisma máis de 34 toneladas de lixo (34.285,10 kg).
A iniciativa para libera-la ría de refugallos segue en marcha, fixándonos novos obxectivos. Co tempo e a colaboración cidadá chegará o día en que poidamos afirmar que a marisma está razoablemente limpa.
¿Queres unha natureza libre de basuraleza?
Manter libre de residuos os nosos espazos naturais empeza evitando na medida do posible a súa aparición. Pero como isto non basta, tamén é fundamental a colaboración cidadá na súa limpeza. Pode ir dende as recollidas individuais dalgúns refugallos cando se pasea pola natureza, até as actuacións colectivas nas xornadas de voluntariado que se organizan.
No caso de que te animes a participar activamente na conservación dos nosos espazos naturais, podes poñerte en contacto connosco para que che avisemos de futuras edicións da eco-regata e das xornadas de voluntariado que programamos habitualmente (na sección Contacto atoparás a información necesaria).