3. Woche der naturschutzfachlichen Betreuung in Mariñas Coruñesas und Tierras del Mandeo

September 2013

Es tut uns leid, diese Seite ist noch in Arbeit! Die Ehrenamtlicher von Fragas do Mandeo arbeiten in ihrer Freizeit, um Ihnen die deutsche Version so bald wie möglich anbieten zu können. Statt dessen bieten wir Ihnen die galicische Version an.

(Para descargar unha foto con maior resolución, pinche na foto seleccionada e se descargará a imaxe.)

 

Día 20 – Custodia do territorio e conservación: Retos na preservación da biodiversidade mariñán

Na programación desta terceira edición buscouse dar a coñecer ó público cales son os hábitats e as especies ameazadas presentes na nosa bisbarra que precisan de maior atención. Un segundo obxectivo era detalla-las posibilidades de que a través da custodia do territorio poidamos favorece-la súa conservación. Para iso nada mellor que un panel de destacados especialistas que transmitiron a súa paixón pola natureza.

Presentación da xornada; de dereita a esquerda, D. Ramón García (alcalde de Betanzos), D. Juan Neira (Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos) e D. Fernando Bandín (Fragas do Mandeo).

O Dr. Javier Amigo, da Universidade de Santiago de Compostela, falou da flora e dos hábitats ameazados presentes en As Mariñas.

O Dr. Pedro Galán, da Universidade da Coruña, describiu a situación dos anfibios e réptiles da bisbarra.

A Dra. Paz Ondina, da Universidade de Santiago de Compostela, explicou animadamente a vida do mexillón de río.

D. Sergio París, da Sociedade Galega de Ornitoloxía, detallou a situación das aves na comarca.

A xornada foi un éxito de público para unhas conferencias tan especializadas.

 

Día 21 – Voluntariado na praia da Alameda

Nesta xornada de voluntariado ambiental erradicamos tres especies exóticas invasoras na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño): os plumeiros (Cortaderia selloana), o eixerón (Conyza canadensis) e a uña de gato (Carpobrotus edulis), grazas á participación de 18 voluntarios que encheron catro sacas de restos vexetais. Tamén recollemos canto refugallo atopamos, acumulado en dúas sacas e catro moreas de aparellos e cordas de bateas, que polo seu peso e volume non metemos nas sacas.

 

Para erradica-los plumeiros arrincámolos de raíz empregando sachos e pas de transplantar. A meirande parte deles eran pequenos e o solo areoso facilitou o traballo.

O momento máis axeitado para elimina-los plumeiros é cando son pequenos, pero tamén é cando pasan desapercibidos entre a vexetación autóctona.

Había moitos pés de eixerón na post-duna. É doado de arrincar, polo que non fan falta ferramentas.


O lixo e os restos vexetais acumuláronse separadamente en seis sacas, pero os restos de aparellos e cordas de bateas eran demasiado pesados e voluminosos, polo que se amorearon á espera de ser recollidos. Protección Civil de Miño colaborou na retirada dos restos.

Na praia atopamos un arbusto que a Dra. Elvira Sahuquillo, da Universidade da Coruña, identificou como Dorycnium rectum, especie autóctona na Península Ibérica que nunca antes fora localizada na provincia da Coruña.

Día 24 – Conferencia: A ameaza das especies exóticas invasoras nas Mariñas

A conferencia desta xornada tivo como obxectivo dar a coñece-la grave ameaza que para a nosa biodiversidade supoñen as especies exóticas invasoras, sensibilizando á cidadanía sobre a necesidade de empezar a actuar para dete-lo seu avance. O público amosouse preocupado por este problema, escoitando con atención ó Dr. Jaime Fagúndez, da Universidade da Coruña, e formulándolle numerosas preguntas.

Na súa conferencia, o Dr. Jaime Fagúndez analizou en detalle cales son as especies e os distintos tipos de impacto que teñen as plantas exóticas invasoras presentes na nosa bisbarra.


 

Día 27 — Eco-regata na ría de Betanzos

A tarde deste sábado foi dedicada ó voluntariado ambiental na marisma da ría de Betanzos. Nesta competición lúdica non se loitaba por se-lo máis veloz, se non que se trataba de que as embarcacións, apoiadas en terra polos seus equipos de voluntarios, afanáranse por ver cal era a que máis lixo recollía e a que atopaba o refugallo máis singular. Enchéronse de lixo os 200 sacos que mercáramos, ó que hai que sumar dúas neveiras, un conxelador, un televisor, unha roda de camión e unha zodiac abandonada chea de refugallos. Ó remate, os gañadores compartiron co resto dos participantes as empanadas que constituían os premios, merecido final festivo para o traballo dos 33 participantes.

Moitos dos refugallos aparentaban terse asentado entre o xunco hai décadas. Algúns plásticos estaban tan degradados que rompían ó tocalos; os enterrados na vexetación soamente eran detectados polo ruído que facían cando se pisaban.

A superficie que se limpou é soamente unha pequena fracción da extensión total da xunqueira, establecendo un novo reto para próximas ocasións.


A cantidade de lixo acumulado na xunqueira era tan grande que os sacos enchíanse rapidamente e as lanchas tiveron que facer varias viaxes.

A participación das cinco embarcacións foi crucial para o éxito, pois saca-lo lixo por terra daría moito traballo. A Asociación Amigos dos Ríos de Betanzos foi clave na organización.

Os voluntarios encheron de refugallos unha zodiac arruinada e abandonada na xunqueira. Custou botala á auga para poder levala a remolque.

Os xoves senegaleses Amadou e Ibrahim demostraron estar máis comprometidos coa conservación da nosa natureza que moitos veciños. Foron os primeiros en tódolos traballos, meténdose na auga para pasar pola proa da zodiac un cabo con que remolcala.

Malia que o bote do equipo de pano verde ía a remos, foron os gañadores da eco-regata. Esta foi unha das dúas embarcacións da Asociación Ría do Pedrido que participou na eco-regata.

Membros da Asociación Lar de Unta encargáronse do desembarco do lixo e tiveron preparado a tempo o posto de avituallamento para celebra-lo remate da eco-regata.

A limpeza rematou coa marea chea, cando se esgotaron os sacos e a auga xa comezaba a inunda-la xunqueira.

Durante a eco-regata, os cativos gozaron das actividades infantís organizadas por Casa Castillo Betanzos no peirao, rematadas cunha volta en barco.

O xurado infantil escolleu como gañadores aqueles que trouxeron os refugallos máis singulares. Outorgaron o primeiro premio ó equipo de pano verde, que presentou un televisor.

Aínda que os premios ―tres empanadas― eran simbólicos, os gañadores celebráronos e compartíronos con gusto co resto dos participantes.

Foron moitos os que botaron unha man: Protección Civil patrullou por se fora necesario actuar ante un accidente e axudaron co seu todoterreo a subir a terra a zodiac e a roda do camión; Vicente de la Fuente forneceu de auga e electricidade, e Tin dun contedor.


A montaña de sacos de lixo demostra a necesidade de actuacións periódicas de limpeza na xunqueira, para o que é imprescindible a colaboración de voluntarios e entidades tan comprometidas coa conservación da natureza coma as que participaron nesta edición.

 

Día 28 — Limpeza do río Mendo

Un ano despois da primeira limpeza, nesta xornada de voluntariado ambiental volvemos a recoller lixo no río Mendo, percorrendo o treito entre a ponte dos Cabalos e a ponte da Ermida. Os 21 voluntarios atoparon pouco lixo no río, demostrándose que a limpeza que fixemos o ano pasado segue a notarse, pois a meirande parte dos refugallos cos que se encheron 28 sacos foron recollidos no entorno das pontes. Con esta actuación sumámonos á sétima edición da limpeza simultánea de ríos en toda Galicia, na que participaron 539 persoas organizadas en 48 grupos, coordinados polo Proxecto Ríos. En total foron 12 toneladas menos de refugallos nos ríos galegos.

Varios cativiños participaron encantados coa limpeza, percorrendo un treito máis breve que os adultos.

No treito entre ámbalas dúas pontes non había moito lixo, notándose aínda a limpeza que fixéramos a ano anterior.

O grupo de voluntarios que chegou até a ponte da Ermida posa diante do lixo que recolleron no seu entorno.

Os voluntarios dedicaron moito tempo a un vello vertedoiro ilegal ó pé da ponte da Ermida, parcialmente oculto pola vexetación, no que atoparon unha especie ameazada, o caracol de Quimper (Elona quimperiana).

No entorno das pontes se cisca de todo, como este sanitario atopado na ponte dos Cabalos.

Veröffentlichungsdatum: 13-10-2014
Letztes update: 29-10-2014
>> Nächste Seite: Plakate

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).