Dentro das actuacións do Life Custodia, entre os días 26 e 28 de febreiro celebrouse o «Laboratorio Aspectos Legais e Financiamento», nas instalacións do CENEAM en Valsaín (Segovia).
Organizado pola Oficina Técnica EUROPARC-España e a Fundación Fernando González Bernáldez, o seu obxectivo foi definir colaborativamente os contidos clave das accións formativas programadas no marco de dito proxecto Life, así como o seu alcance e o seu enfoque.
Invitados polos organizadores, que xenerosamente cubriron os nosos gastos de desprazamento, participamos achegando a perspectiva que nos dan os quince anos de actividade como entidade de custodia do territorio. Fixémolo coa esperanza de que nesas accións formativas se contemple a visión que temos as entidades de custodia que actuamos na franxa norte peninsular, onde as características socioeconómicas, ecolóxicas e de estrutura da propiedade confiren ós nosos territorios circunstancias moi distintas ás doutras rexións españolas. A estes condicionantes engádese o modesto tamaño das entidades galegas de custodia, que limita as nosas capacidades de actuación, de financiamento e de incidencia na Administración pública.
No programa destacaron as intervencións de Amanda del Río, de Hope!, sobre financiamento e de Antonio Ruiz, do FRECT, sobre os aspectos legais da custodia do territorio.
O pasado sábado tivo lugar o acto no que o Concello de Coirós presentou as axudas destinadas ás entidades activas no seu termo municipal que resultamos beneficiadas polo seu apoio. Amosando dilixencia, hoxe mesmo nos teñen ingresado esa achega económica.
Hoxe estivemos traballando nunha das últimas parcelas mercadas. Tras xestionar toda a ramallada resultante da corta dos eucaliptos que tiña, precisamente agora é o momento de reforestala con arborado autóctono da nosa bisbarra. Nesta ocasión, a plantación tivo un carácter especial, pois entre as distintas árbores usadas plantamos por primeira vez maceira brava (Malus sylvestris).
Se o pasado martes estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos con motivo da adquisición de varias parcelas situadas en Chelo, hoxe volvemos para asina-la escritura de compra de dous montes na Espenuca.

















