Hoxe visitámo-las escolas infantís de Coirós para participar na súa celebración do día mundial da árbore. Levámoslles senllas parellas de bidueiros, de loureiros e de carballos reproducidas no noso viveiro para poñelas nos seus xardíns. Os cativiños observaron con atención a súa plantación e axudaron a regalas. Esta actuación tivo inicialmente un simple sentido educativo. Pero tamén poderiamos dicir que simbólico, pois medrarán a canda eles: A meirande parte dos exemplares teñen a mesma idade que os propios cativos.
Xa fóra do simplemente testemuñal, podemos apuntar que a nosa campaña anual de reforestación está próxima a rematar. Temos actuado en tres enclaves e levamos plantadas 524 árbores, dentro das que se atopan os primeiros acivros e érbedos que temos propagado no noso viveiro. Como en anteriores ocasións, tratamos de recrear unha fraga con alta biodiversidade arbórea, sempre usando especies consideradas como autóctonas da nosa propia bisbarra.
Nas parcelas dos Vellos e da Espenuca reforzámo-lo plantado en anos anteriores. Deste xeito, o bosque da primeira agora conta con 17 especies arbóreas distintas. O segundo cunha menos, pois como non linda co río non poden prosperar nel os ameneiros. Un gran cambio se temos en conta que foron eucaliptais.
Ó longo deste mes estivemos reforestando a última parcela incorporada á nosa reserva do Ollo da Roda. Lindeira co río Mendo, tamén foi un eucaliptal, tendo aproveitado para mercala cando foi tallado. Na xornada de voluntariado de primeiros deste mes eliminámo-los rebrotes dos eucaliptos e preparámo-la para poder reforestala. Coas 236 árbores plantadas agora, ampliámo-la extensión do bosque de ribeira da reserva, composto actualmente por 18 especies distintas.
A estación vai moi adiantada, motivo polo que pronto rematarémo-la campaña deste ano.
Post data: Na última semana do mes plantamos en Penizás (A Espenuca), aproveitando que a finais do ano pasado deseucaliptizamos parte desta extensa parcela. Finalmente, a campaña rematou cun total de 606 árbores plantadas de 16 especies distintas en 4 enclaves, un resultado sensiblemente superior ó do ano pasado.
A Deputación da Coruña acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia os listados provisionais de entidades sen ánimo de lucro que van beneficiarse este ano do seu programa de axudas, tanto para o desenvolvemento de 
Hoxe despedímonos de Dona, a nosa querida mascota.
A vida dun can é curta en termos humanos, do mesmo xeito que a nosa o é respecto das árbores que estamos a plantar estes días. Algunhas delas sairán da adolescencia dentro dun século, cando xa non estaremos para velas no seu esplendor. Namentres outras entidades de custodia do territorio xa son centenarias, a nosa está saíndo da infancia. Sen máis compás que nos guíe que a nosa propia experiencia, vémonos agora no reto de medrar vigorosamente, pois o agravamento acelerado da crise ambiental e climática non admite dilacións. No actual contexto social de indiferenza respecto da conservación da natureza, evitar a melancolía, conservar o ánimo e manter o ritmo de traballo non é doado. Máis aínda diante da habitual insensibilidade dos organismos públicos que deberían velar por ela, manifestada na degradación do noso patrimonio natural que frecuentemente causan, sexa por acción ou por omisión, ou simplemente poñéndonos acotío atrancos cando intentamos reverter a situación. A nosa demostrada eficacia, baseada no coñecemento, nas actuacións directas no medio e na eficiencia no uso dos poucos recursos que temos, merecería un respecto e un apoio por parte da Administración que raramente observamos.
As conclusións das numerosas investigacións realizadas por prestixiosos científicos ó longo das últimas décadas en todo o planeta non deixan espazo para a dúbida. Os seus prognósticos de agravamento da crise ambiental e climática están a cumprirse sistematicamente. Xa que logo, non hai escusas para evitar mirar de fronte á realidade e actuar en consecuencia.
Esta mañá estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de varias parcelas situadas nunha zona de alto valor ecolóxico do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, no termo municipal de Coirós.
Hoxe recibimos do Concello de Coirós a súa axuda anual.
Logo, unha vez chegados os 26 participantes nesta actividade dos 
















