A próxima semana, Fragas do Mandeo exporá en Rábade (Lugo) a súa experiencia cunha charla titulada A custodia do territorio como ferramenta para a conservación da biodiversidade da comarca das Mariñas coruñesas.
Será dentro da Xornada sobre custodia do territorio e conservación de espazos naturais protexidos, organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Deputación de Lugo e a Reserva da Biosfera Terras do Miño. Este encontro busca difundi-la custodia do territorio entre os técnicos, funcionarios e políticos das administracións públicas como un instrumento útil para conservar e xestiona-los espazos naturais protexidos.
Participarán representantes de diversas entidades de custodia e de reservas da biosfera, tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas, que mostrarán os beneficios da sinatura de acordos de custodia sobre terreos de alto valor ambiental, así como os trámites administrativos habituais neste tipo de acordos.
Os organizadores consideran que esta xornada pode establecer novas canles de colaboración entre organismos públicos e entidades privadas para mellora-la conservación do patrimonio natural e cultural de Galicia, polo que animan a asistir.
Para obter máis información, descarga o programa.
Data: Martes 27 de novembro, de 10:30 a 14:00 horas.
Lugar: Casa das Insuas, r/ José Pardo 20, Rábade (Lugo).
Inscricións: Por correo electrónico (custodiadoterritorio@gmail.com), teléfono ou WhatsApp (630 948 293).