Unha iniciativa necesaria
A Rede Natura de espazos protexidos non está a ser unha fórmula efectiva para a conservación da natureza en Galicia. Creada a instancias da Unión Europea, non tivo en conta as especiais circunstancias do territorio galego, con fincas pequenas e a poboación moi dispersa, que impiden acada-los obxectivos de protección dos hábitats máis representativos. Por este motivo, un grupo de persoas da bisbarra, preocupadas polo medio ambiente, buscamos unha nova estratexia.
A custodia do territorio é unha fórmula de conservación do patrimonio natural e cultural empregada con éxito en numerosos países. Está contemplada na Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, que recoñece a súa importancia e a promove como un xeito de que as entidades privadas, tales como asociacións ou fundacións, participen na preservación dos espazos naturais.
Fragas do Mandeo é unha entidade non gobernamental (ONG) e non lucrativa (ONL) de carácter fundacional. O seu obxectivo é crear un fondo de conservación da natureza na comarca de As Mariñas (A Coruña, España), que permita mercar fincas de interese natural para a protección dos hábitats prioritarios. Deste xeito poderemos coidar da paisaxe e dos bosques, asegurando un futuro para as especies de animais e plantas que conforman a biodiversidade destes ecosistemas.
Máis información en A custodia do territorio.
Na procura de resultados
Fragas do Mandeo é unha entidade privada declarada de interese galego, estando supervisada polo protectorado de medio ambiente da Xunta de Galicia. Conta co asesoramento de destacados especialistas en ciencias naturais e de asociacións conservacionistas que coñecen ben a cunca dos ríos que regan a comarca de As Mariñas.
Os fondos económicos recadados destínanse na práctica totalidade á adquisición de fincas e montes con fins de conservación. Estas propiedades pasan a ser parte da súa dotación, polo que sempre se terán que destinar a ese fin. Non poderán ser vendidas nin alleadas con outros obxectivos, incluso no caso de extinguirse a entidade.
Fragas do Mandeo está xestionada por un padroado e por varios colaboradores. Procedentes de distintos sectores sociais, uns e outros traballan de forma gratuíta, dedicando tempo libre e aplicando os seus coñecementos profesionais para acada-la máxima eficiencia.
Toda esa dedicación busca cumpri-lo obxectivo da entidade tal como se recolle nos Estatutos de Fragas do Mandeo: “realizar labores de custodia do territorio con fins de conservación da paisaxe e dos ecosistemas naturais, coa súa fauna, flora e xea asociadas, así como fomenta-la custodia do territorio como fórmula para protexe-la natureza e promove-la súa conservación”.
Non partimos de cero. Botamos a andar no ano 2010 cunha dotación inicial consistente en dúas fincas e un montante económico. Pero sobre todo, contamos coa experiencia e asesoramento doutras iniciativas de éxito en Galicia e no resto de España.
Máis información en As fundacións de interese galego.
¿Por que facer custodia en As Mariñas?
A comarca de As Mariñas está vertebrada polo espazo natural protexido que forma o río Mandeo. Declarado zona de especial protección dos valores naturais, forma parte da Rede Natura como zona especial de conservación, recibindo o nome de ZEC Betanzos-Mandeo.
A cidadanía apenas coñece a súa riqueza natural. O río, de fama polos seus salmóns, realmente debería selo por un molusco moi ameazado que sobrevive nel. Nas súas beiras corren mamíferos escasos como a lontra ou o desmán. Baixo o bosque de ribeira medran varias poboacións de distintas especies de fentos protexidos. Entre os réptiles tamén hai unha especie protexida e outras que son endémicas de Galicia. Nos montes próximos abondan as aves rapaces, e a ría serve de parada e fonda para moitas aves acuáticas nas súas viaxes migratorias.
A pesares de toda esta biodiversidade, a ZEC Betanzos-Mandeo está a recibir poucos coidados, pois son outros espazos os que acaparan a atención e os proxectos de investigación, así como presupostos e actuacións de conservación. As consecuencias desta desatención son evidentes. A ameaza das especies de flora e fauna invasoras é patente. Os eucaliptos cada vez desprazan máis ó bosque autóctono, degradando o ecosistema e a paisaxe.
As fragas dos ríos Mandeo e Mendo son a peza clave que permite a subsistencia da biodiversidade presente tanto no monte coma no río. Por iso é fundamental conservar este hábitat. A custodia do territorio, mediante a adquisición de fincas que se destinan á conservación, é un instrumento que ten demostrado a súa eficacia.
Un desenvolvemento rural sostible sempre pasa pola preservación dos recursos naturais e da paisaxe, da auga que bebemos e do aire que respiramos, dos montes e dos ríos, tanto para lecer dos que somos veciños coma dos que visitan a comarca.
Máis información en Hábitats – A biodiversidade de As Mariñas.