Testemuñas

 

“As fragas do Mandeo son merecedoras do meirande esforzo de conservación posible, debido á notable biodiversidade que albergan e a súa riqueza paisaxística, valores máis destacados aínda se considerámo-lo entorno altamente humanizado onde se atopan. A persistencia de notables bosques de ribeira e carballeiras termófilas, todos eles en favorable estado de conservación, unido á particular orografía do leito medio e baixo do río Mandeo, propiciaron a preservación neste lugar dunha flora e fauna singular. Especies ameazadas, xunto con outras endémicas do noroeste ibérico ou de gran singularidade bioxeográfica, conviven nestas fragas, polo que a súa conservación debe ser un obxectivo prioritario. Dou polo tanto o meu apoio a esta iniciativa de salvagarda deste valioso espazo natural.”

Pedro Galán Regalado,
profesor titular da área de Zooloxía da Universidade da Coruña
A Coruña, 13-10-2010

 

“Dende o seu coñecemento e o seu amor á terra, os promotores de Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas, dan o paso de crear unha entidade para a conservación da natureza na súa comarca. A iniciativa ten un grande valor. Por unha parte vai contribuír á necesaria conservación das extraordinarias fragas e bosques de ribeira que acompañan o curso do Mandeo; por outra, o seu esforzo servirá para divulgar e poñer en valor un patrimonio natural pouco coñecido. Como camiñante quedei sorprendido da beleza dalgunhas paraxes no meu percorrido entre Aranga e Betanzos; como naturalista non teño dúbidas da importancia biolóxica do territorio. Gustaríame felicitar ós promotores porque unha pequena parte do noso patrimonio natural está de parabéns.”

Javier Guitián Rivera,
catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela,
director da Estación Científica do Courel
Santiago de Compostela, 19-10-2010

 

“Nos últimos 5.000 anos, o progresivo incremento da acción humana sobre o territorio europeo provocou a desaparición dos bosques primarios ou prístinos, e con eles a desaparición rexional dun importante elenco de especies de flora e fauna silvestres. Malia iso, no vello continente aínda perduran áreas boscosas cunha estrutura e funcionalidade ecolóxica próxima á naturalidade, albergando unha grande riqueza de especies exclusivas ou características de ecosistemas arbóreos. Estes bosques desígnanse a nivel internacional como bosques antigos, ós que poden adscribirse un grande número de bosques caducifolios que persisten acantoados nos vales profundos das serras setentrionais galegas (Mandeo, Eume, Xuvia, Landro, etc.), popularmente designados como fragas.

A conservación das fragas, e con elas o mantemento dos servizos tanxibles e intanxibles que prestan á sociedade, esixe a adopción de novos modelos de xestión entre os que se atopan as iniciativas de custodia do territorio. A implantación destas, en países como Inglaterra, Suecia, Alemaña, ou Estados Unidos, demostrou a posibilidade de afronta-la súa xestión dende unha nova perspectiva, integrando ós grupos conservacionistas, ós propietarios dos terreos, ás administracións e á poboación local. A posta en marcha do fondo de conservación da natureza de As Mariñas, constitúe en consecuencia unha aposta decidida para favorecer a conservación das fragas do Mandeo, e servir de aglutinador na conservación dos nosos últimos bosques antigos.”

Dr. Pablo Ramil Rego,
director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), Grupo de Investigación Territorio-Biodiversidade, Universidade de Santiago de Compostela
Comité Español Programa M&B da UNESCO
Lugo, 27-10-2010

 

“Sexan estas unhas breves notas que gaben merecidamente a iniciativa de Fragas do Mandeo na custodia dos ríos Mandeo e Mendo, pois certamente contribuirá á conservación deste valioso ecosistema fluvial. A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con ten unha boa experiencia nesta conca, desde o estudo dos peixes migradores até a diagnose do seu estado ecolóxico. O Mandeo presenta bosques de ribeira ben estruturados en moitos tramos, así como unha grande diversidade faunística, que vai desde invertebrados en perigo de extinción, como a ameixa de auga doce, ata vertebrados especialmente ameazados, como varias especies de peixes migradores, entre eles o salmón e a anguía, ademais da lamprea mariña, que nos últimos anos ocupan o interese das políticas de conservación da Unión Europea.

Aínda así, estes ríos presentan varios problemas ambientais destacables, como son os residuos xerados polos núcleos de poboación ou os de orixe agrícola. Porén, un dos máis salientables é o ocasionado polas centrais eléctricas, pois a flutuación de caudais, así como a mala xestión dos caudais circulantes ou mesmo as carencias dos sistemas de paso para peixes, provocan un empobrecemento da fauna presente nos tramos afectados. Ámbolos dous ríos precisan dun plan para a mellora da súa continuidade, non só para as especies de peixes migradores, senón para a totalidade da ictiofauna.”

Dr. Fernando Cobo Gradín,
director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da Universidade de Santiago de Compostela,
presidente da Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA)
Santiago de Compostela, 11-11-2010

 

“A custodia do territorio é un enfoque novo na conservación da natureza que supón un importante paso adiante na implicación da sociedade civil. Durante décadas, os cidadáns, reunidos en asociacións, limitáronse a denunciar, demandar, pedir ás administracións que corrixisen fallos, solucionasen problemas, tomasen conciencia da perda dos valores naturais e modificasen políticas inadecuadas. Pero a maduración da sociedade deu os seus froitos indo máis alá da simple petición ou da enérxica esixencia.

A custodia do territorio é un mecanismo que implica a participación activa dos promotores, e precisa da confianza dos propietarios para desenvolver unha tarefa concreta que redunde na mellor conservación do territorio, favoreza a conectividade entre espazos de alto valor natural e garanta unha maior efectividade das accións. O obxectivo xa non é que fagan algo outros, se non facelo un mesmo; non é pedi-lo que pode parecer imposible, se non demostrar que pode facerse; non é tranquiliza-la conciencia, se non poñer en práctica algo real. Voluntariedade, confianza e coparticipación son tres palabras clave para levar a cabo a custodia do territorio e marcan un novo horizonte, máis práctico e realista, para o conservacionismo do século XXI.”

Dr. Carlos Nores Quesada,
profesor titular de Zooloxía e subdirector do Instituto de Recursos Naturales y Ordenación del Territorio (INDUROT), Universidad de Oviedo,
vicepresidente da Fundación Oso Pardo
Oviedo, 29-11-2010
Data publicación: 13-10-2010
Última modificación: 24-6-2020
>> Páxina seguinte: As fundacións de interese galego

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).