¿En que consiste?
A custodia do territorio é unha fórmula de actuación a través da que propietarios e usuarios do territorio se implican na conservación e no uso dos valores e os recursos naturais, culturais e paisaxísticos. As entidades que practican a custodia do territorio son organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro, que levan a cabo iniciativas que inclúen a realización de acordos de custodia para a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade.
Os tipos de acordos poden ser moi diversos. Abranguen dende un pacto entre o propietario e a entidade de custodia para xestionar unha determinada finca con criterios sustentables a cambio de asesoramento, até a venta da propia parcela para que a entidade de custodia a destine exclusivamente á conservación do hábitat natural. Noutros casos son acordos para limita-la explotación, como sucede coas reservas mariñas nas que os mariñeiros deciden acoutar determinadas zonas, ou para mante-las construcións de interese etnográfico ou monumental.
A Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad contempla a custodia do territorio como un recurso legal que permite a protección efectiva do patrimonio, ben natural ou cultural. Aínda que esta lei data de 2007, as numerosas experiencias no Estado español, e a longa traxectoria de décadas en determinados países europeos, demostran a súa efectividade.
Nembargante, en Galicia son poucas as experiencias de custodia do territorio no eido ambiental. Entre elas destaca claramente unha iniciativa ourensá, Ridimoas, pois ten unha dimensión, continuidade e eficacia exemplificativa. A adquisición progresiva de fincas na comarca do Ribeiro —no ano 2013 totalizaban preto de 300 hectáreas—, permítelles protexe-lo bosque de ribeira e a fauna asociada con grande efectividade.
Un pouco de historia
As orixes deste instrumento de conservación sitúanse no ano 1890 nos Estados Unidos, coa creación de The Trustees of Reservations. Cinco anos despois aparece en Europa a primeira entidade, coa fundación de The National Trust no Reino Unido. Outro referente importante é Natuurmonumenten, nos Países Baixos, fundada en 1905. A custodia consolídase en Europa a partir dos anos 70 con novas iniciativas como o programa Oasi do WWF-Italia ou o Conservatoire du Littoral en Francia.
A estadounidense The Nature Conservancy é actualmente a meirande entidade do mundo. Naceu no ano 1951 e actualmente xestiona 48 millóns de hectáreas de terra e 8.000 km de ríos en máis de 35 países. Ten un millón de membros, e emprega a máis de 700 científicos.
Xa en Europa, o británico The National Trust protexe máis de 1.200 km de costa, máis de 247.000 hectáreas de campiña, 76 reservas naturais, máis de 5.000 monumentos prehistóricos, 40 castelos e 12 faros, entre outros lugares. Fundada en 1895 por tres filántropos, nos últimos 30 anos multiplicouse por 15 o número de socios, acadando actualmente a asombrosa cifra de 4 millóns de membros. O extraordinario volume de actividade non se podería acometer sen os 60.000 voluntarios cos que conta.
A tamén británica Royal Society for the Protection of Birds (RSPB) conta con 200 reservas naturais no Reino Unido. A primeira reserva foi adquirida en 1930, cando a entidade xa tiña 40 anos de vida. Actualmente, entre propiedades e convenios, xestiona 131.127 hectáreas. Case o 4% das terras declaradas como lugares de especial interese científico (SSSI) no Reino Unido están en reservas da RSPB. Nos últimos tres anos, 15 especies novas para o Reino Unido foron localizadas nas súas reservas, entre elas unha totalmente nova para a ciencia. Máis de 1,5 millóns de persoas visítanas anualmente. Empregan a 547 persoas e contan coa colaboración de 3.186 voluntarios, que traballan anualmente o equivalente de 132 persoas contratadas a tempo completo.
A custodia do territorio en España
Félix Rodríguez de la Fuente, como presidente de WWF/ADENA, foi pioneiro en España en implantar este tipo de experiencias ó crear en 1974 o Refuxio de Rapaces de Montejo de la Vega (Segovia), grazas ós acordos de xestión acadados coas entidades locais. As seguintes iniciativas serían a de GOB Mallorca, que adquiriu a finca La Trapa en 1980 para dedicala a reserva natural, e a de ADENEX, que no mesmo ano inicia a creación dunha rede de reservas mediante acordos cos propietarios das fincas. Coa intención de mercar bosque ribeirán para restauralo e conservalo, fúndase Ridimoas en 1988. Haberá que esperar ós anos 90 para que despegue a custodia do territorio en España.
Para ter unha visión do que é actualmente a custodia do territorio no Estado español, como primeira referencia pódese acudir á Plataforma de Custodia del Territorio da Fundación Biodiversidad, organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.
Na actualidade existen redes de custodia do territorio en Cataluña (Xarxa de Custòdia del Territori), en Valencia (Avinença, Associació Valenciana de Custòdia i Gestió Responsable del Territori), en Baleares (ICTIB, Impulsors de la Custòdia del Territori a les Illes Balears), no centro peninsular (Red de Custodia de Castilla y León e a Red de Custodia del Territorio de Madrid y Castilla-La Mancha), no Cantábrico (Red Transcantábrica de Custodia del Territorio), Aragón (Red Aragonesa de Custodia del Territorio) e Andalucía (Ínsulas, Red Andaluza de Custodia y Gestión del Territorio). Galicia rexistrou a súa en 2015, co nome de Rede Galega de Entidades de Custodia do Territorio, aínda que xa levaba varios anos actuando como agrupación de entidades, sendo Fragas do Mandeo un dos seus membros fundadores. Por último, tras varios anos de actividade, o Foro de Redes y Entidades de Custodia del Territorio formalizou a súa constitución no 2011 co obxecto de coordina-las redes autonómicas.
En España hai actualmente 2.686 acordos de custodia realizados por 216 entidades, superándose a cifra de 550.987 hectáreas protexidas, segundo o inventario efectuado pola Fundación Biodiversidad no ano 2015. O número de iniciativas dentro do Estado varía notablemente dunhas a outras comunidades autónomas, destacando Cataluña con 796, Andalucía con 465 e Murcia con 300.
Do mesmo xeito, a intensidade da iniciativa pode variar moito. No caso da Fundación Global Nature, a rede de reservas biolóxicas privadas concertadas acada unha extensión de máis de 9.000 hectáreas repartidas en 157 propiedades e 7 comunidades autónomas, sendo a recuperación da lagoa de La Nava en Palencia unha das actuacións máis coñecidas. A Fundació Territori i Paisatje da Obra Social de Caixa Catalunya (actualmente Fundació Catalunya-La Pedrera) chegou a mercar máis de 8.000 hectáreas e a través de convenios custodiaron outras 140.000, abarcando o 4,5 % do territorio catalán. A madrileña Fundación CBD-Hábitat ten acordos con propietarios de grandes fincas, superando as 82.000 hectáreas de superficie, co obxectivo de protexer especies ibéricas ameazadas tan emblemáticas coma o lince ou a aguia imperial.
Galicia bota a andar
A partires do ano 2008, a sociedade galega incrementou significativamente o seu interese pola custodia do territorio. Varias entidades ambientais están a da-los primeiros pasos, analizando as posibilidades reais de actuar no medio natural e de responsabilizarse directamente da súa conservación. Noutros casos, a custodia do territorio é simplemente a evolución lóxica das actividades que xa viñan realizando. Nas xornadas e congresos que están a organizar expoñen os seus avances e comparten as súas experiencias, cooperando e creando sinerxías que pouco a pouco van dando froitos.
A aprobación no ano 2011 da Lei de mobilidade de terras significou un fito, por se-lo primeiro achegamento da lexislación galega á custodia do territorio. Este instrumento xurídico figura nela ó mesmo nivel que outras actividades de interese público, facilitando o acceso das entidades de custodia ás fincas xestionadas polo Banco de Terras de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia.
Máis información
No manual Custodia del territorio en la práctica, editado pola Xarxa de Custòdia del Territori e a Fundación Territori i Paisatje da Obra Social de Caixa Catalunya, pode atoparse ampla información sobre os principios fundamentais, o marco xurídico e a aplicación práctica da custodia.
No documento Custodia del territorio. Un modelo de gestión dentro de Red Natura 2000, de Laura Donada e Maya Ormazábal, exponse unha exhaustiva análise da custodia do territorio como instrumento de xestión da Rede Natura 2000.
As Conclusiones de las IV jornadas estatales de custodia del territorio recollen o debatido na última edición deste congreso bianual, celebrada en Asturias no mes de maio de 2010.
En Estudio jurídico sobre la custodia del territorio, dirixido por Ana Barreiro López para a Plataforma de Custodia del Territorio da Fundación Biodiversidad, analízase o marco xurídico e os incentivos da custodia do territorio en España, con referencias a países como EE.UU., Reino Unido e Francia.
A Fundación Biodiversidad publicou en febreiro de 2016 o Informe del 4º Inventario de Iniciativas de Custodia del Territorio del Estado español, onde se recolle detallada información estatística sobre o grao de avance da custodia.
Financiado mediante un proxecto Life, Caring together for nature. Manual on land stewardship as a tool to promote social involvement with the natural environment in Europe fai unha completa revisión da custodia do territorio en Europa, o seu papel na conservación, a forma de traballar e o xeito de implicar ós distintos actores, con numerosos casos de éxito que serven de exemplo. Tamén pode descargarse unha versión máis breve traducida ó castelán co título Conservar la naturaleza entre todos.
O artigo da Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad que fai referencia ós acordos de custodia de fincas de titularidade estatal situados nos espazos naturais aparece modificado na Ley 25/2009, na que se establecen os principios para seleccionar as entidades de custodia, limita-la duración dos acordos e impedi-la súa renovación automática.