É a túa elección
Aparte das achegas económicas e doazóns, hai outras maneiras de participar.
Faite voluntario
Máis de cen persoas participan cada ano nas nosas xornadas de voluntariado: Eliminan os eucaliptos nos montes que custodiamos, plantan árbores autóctonas, eliminan especies exóticas invasoras, recollen lixo e miran de favorecer en todo o posible a biodiversidade local. Se queres unirte a eles, ponte en contacto connosco e avisarémosche cada vez que programemos unha xornada de traballo.
Tamén hai outros xeitos de axudarnos. As túas habilidades persoais ou coñecementos profesionais poden sernos de grande axuda: se debuxas ben podes facernos un cartel, se es enxeñeiro agrícola podes asesorarnos nas medicións e nas taxacións, se es hábil co cemento ou a madeira poderás facernos reparacións, se fas boas fotos poderán servirnos para ilustra-la nosa web…
Axúdanos a mercar fincas
Buscar fincas axeitadas nas ribeiras do Mandeo e do Mendo, dende Betanzos até Aranga ou Curtis, non é doado. Se coñeces a algún propietario que venda barato, ponte en contacto connosco. Non importa que a finca ou monte teña moita pendente, que estea afastada ou sexa difícil chegar a ela. Se a podemos pagar, interésanos.
Difunde a nosa misión
Se tes un local ou negocio polo que pase xente, axúdanos a divulga-la nosa actividade. Leva uns folletos e ponos nun lugar visible. Se alguén se interesa, explícalle o que facemos. Se coñeces a algunha persoa preocupada polo medio ambiente, fálalle de nós.
Implica a outras entidades
Se es membro dunha asociación ou dun club deportivo, comenta na xunta directiva as posibilidades de que a entidade se faga colaboradora ou participe nas accións de divulgación e voluntariado. Se a empresa na que traballas ten unha liña de responsabilidade social corporativa, coméntalle a posibilidade de investir na custodia do territorio.
Comparte información naturalista
Se tes información sobre o hábitat ou especies da bisbarra de As Mariñas que queiras compartir na nosa web, ou podes facilitarnos información específica que nos permita mellora-lo noso traballo, como citas de especies ou bibliografía específica, non dubides en poñerte en contacto connosco.
Anúncianos en Internet
Se tes presenza na web, hai un xeito moi sinxelo de apoiarnos. Basta con que escollas un dos anuncios que amosamos na sección Usa un banner e o copies no teu blog, páxina web ou rede social. Desta forma os teus seguidores tamén coñecerán a nosa iniciativa.
Visita a nosa páxina web
Infórmate das nosas actividades, das necesidades de voluntarios, da marcha na adquisición de fincas, dos balances anuais, etc. Se non atopas o que buscas, consulta a sección Contacto para escolle-la mellor maneira de comunicarte connosco.