Cesión dun monte en espazo protexido

10 Agosto 2012

 
Fotografía do acto de cesión da finca

Fragas do Mandeo recibiu onte a cesión dun monte situado na ribeira do Mandeo, preto do lugar de Flores (Coirós, A Coruña), grazas ó altruísmo dun veciño de Ois.

Tres horas antes da charla no local da asociación Fillos de Ois, acudimos á notaría de D. Óscar López Doval en Betanzos para asina-la cesión. O titular, D. Ángel Gayoso, cedeunos a finca por 20 anos para que Fragas do Mandeo a destine á conservación da biodiversidade e da paisaxe.

Esta finca ten unha superficie catastral de 2.715 m2 e forma parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo. Situada na ladeira do val, presenta unha elevada pendente, cambiando a vexetación coa altura. A parte de riba esta poboada por un eucaliptal, a media ladeira medra un queirogal e na parte de abaixo, xa lindando co río, aparece un denso bosque de ribeira.

Efectuados os trámites legais, agora vaise a proceder á eliminación do eucaliptal e posterior rexeneración da cuberta vexetal. Desta maneira, mellorarémo-la paisaxe, incrementarémo-la superficie de bosque autóctono e previrémo-los incendios. O eucaliptal, situado á beira da autovía e avanzando ladeira abaixo por colonización espontánea, supón un risco elevado. A súa substitución por arborado autóctono dificultará a propagación dos lumes.

Fragas do Mandeo agradece a D. Ángel Gayoso a súa xenerosidade, ó seu fillo Miguel as súas xestións na zona en favor de Fragas do Mandeo e á asociación Fillos de Ois a oportunidade de expoñe-lo noso traballo nunha xornada tan significativa para nós.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).