A finais deste mes e primeiros do seguinte imos celebra-la segunda edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Esperamos que a oferta anime a participar nelas a un público moi variado, pois ampliamos significativamente o número e tipo de actividades con respecto ó ano pasado. De feito se espallan por toda unha quincena.
Nesta edición fíxose especial fincapé no voluntariado: o obxectivo é amosar un conxunto diverso de iniciativas de éxito que se están a desenvolver en distintos puntos de Galicia. Mediante actuacións de apadriñamento e de custodia do territorio a cidadanía implícase directamente na conservación e recuperación de praias, ríos, camiños, especies ameazadas, a paisaxe ou manifestacións etnográficas. Veremos a satisfacción dos que participan nelas e animarannos a formar parte do voluntariado da nosa bisbarra.
Do mesmo xeito que na primeira edición, a Semana está organizada conxuntamente pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e por Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo de Mariñas-Betanzos, pois Fragas do Mandeo destina o 100% das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo. Tamén colabora GADISA, que proporciona o avituallamento nas xornadas de voluntariado.
Descarga o programa e o cartel e compárteos no teu entorno persoal: así axudarás a que todos teñan a oportunidade de participar.
Para apuntarte nas xornadas de voluntariado e na excursión, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito reservarás praza no autobús, terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas.
Voluntariado en Ponte do Porco: Iniciaremos a Semana coa eliminación das especies exóticas invasoras que ameazan a biodiversidade da praia e, de paso, retiraremos todo o lixo que poidamos. Hai dous anos xa arrincáramos moitos plumachos, pero dende entón naceron outros. O máis efectivo é arrincalos cando son noviños, ademais de supoñermos menos traballo. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 22 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).
Conferencia ¿Para que serven as aves?: O ornitólogo e comunicador Antonio Sandoval vai describirnos o impresionante fenómeno da migración das aves a través do noso país. O seu falar ameno e ben documentado garante unha charla memorable na que nos sorprenderá con aspectos pouco coñecidos de moitas aves que pasan pola ría de Betanzos nas súas longas viaxes entre África e o norte europeo. A libraría Carricanta terá á venda o libro que acaba de publicar Antonio, do que colle o título a conferencia.
Data: Xoves 26 de setembro, ás 20:30 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.
Exposición de pintura: Na mesma velada inauguraremos no Liceo a exposición Unha ollada natural de Calros Silvar. Este polifacético artista amosará nela a súa vertente de ilustrador, exhibindo imaxes da vida silvestre nas que conxuga o seu talento artístico co seu profundo coñecemento da natureza galega.
Data: Inauguración o xoves 26 de setembro, ás 20:30 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.
Horario: Até o 10 de outubro na planta alta do Liceo, de 19:00 a 21:00 de luns a venres, e de 12:00 a 14:00 os sábados e mailos domingos.
Xornada sobre a custodia do territorio e o apadriñamento: No día central da Semana temos programado un conxunto de charlas que levan por título Custodia do territorio e apadriñamento: A implicación cidadá na conservación da natureza . Trala presentación a cargo do alcalde de Betanzos, Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, daremos paso a seis conferencias que se impartirán pola mañá e maila tarde.
Na primeira delas, titulada Na procura dun val cheo de vida, Rafael Beceiro, coordinador do Proxecto Esmelle, falará do xeito no que a Asociación Val de Esmelle dinamiza a comunidade veciñal e traballa colectivamente na recuperación do patrimonio natural e cultural desa comarca ferrolá. Será seguida pola charla titulada Poñendo un río no mapa, a cargo de Gonzalo Sancho Blanco, presidente da Asociación Vaipolorío. O seu traballo de defensa, recuperación e inventariado dos valores patrimoniais do río dos Gafos é un exemplo de como un río pontevedrés revive grazas a ser apadriñado por parte dos veciños.
Tras unha breve pausa, Diego R. Vieites, secretario da Asociación Fontaíña, comentará en De praias degradadas a dunas protexidas os vinte anos de traballo da súa asociación no litoral vigués. Os resultados destas dúas décadas son a restauración e a protección da vexetación e das dunas nun litoral que sofre unha elevada presión turística no verán. Cando a acción dun grupo local marca a diferenza será o remate das charlas matinais. Nela Encarna González, coordinadora de SEO/Pontevedra, explicará as actuacións en defensa da píllara papuda do Salnés. O seu traballo, xunto co dos seus compañeiros, é un exemplo no que a acción individual baixo a cobertura dun grupo local significa un futuro na súa comarca para unha especie ameazada.
Antonio Álvarez, presidente da Asociación Castiñeiro e Nogueira, abrirá a sesión de tarde ás 17:00 horas coa charla Camiños con historia no bosque autóctono. Con este título quere resumirse o traballo de rehabilitación dos antigos camiños mediante voluntariado internacional e nacional na bacía do río Donsal, nos Ancares lucenses. Deste xeito emprenderon a tarefa de poñer en valor os seus tesouros naturais e culturais, ademais de revitaliza-la zona de Cancelada con diversas actividades coincidentes cos catro campos de traballo internacionais que levan organizado. Rematada esta intervención, finalizará as charlas Fragas do Mandeo, facendo balance dos resultados dos seus tres primeiros anos de andadura e animando a seguir na nosa bisbarra o exemplo das iniciativas expostas ó longo do día.
Para pecha-la xornada, puxemos unha pequena guinda que non aparece no programa impreso. O instrumentista e compositor Eloy Vázquez nos ofrecerá un breve concerto de música do século XIII, interpretando no seu dulcimer varias cantigas de Alfonso X O Sabio.
Data: Sábado 28 de setembro, de 9:30 a 18:30 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.
Limpeza simultánea de ríos: Imos achegarnos ó río Mendo para participar na limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Iniciarémo-la limpeza na ponte das Moas, para continua-la ruta pola beira do río até Roibeira recollendo todo o lixo que atopemos. Son 10 km nos que gozaremos dun entorno natural que merece ser conservado en óptimas condicións. O traxecto non é dificultoso, pero é conveniente levar calzado e roupa axeitada, ademais de luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 29 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos en autobús dende o ambulatorio de Betanzos.
Des-eucaliptización no río Mandeo: Fragas do Mandeo ten mercado máis de 50.000 m2 de monte este ano. Gran parte desa superficie son fragas ben conservadas, pero noutros casos son eucaliptais. Nesta xornada de voluntariado imos a eliminar eses eucaliptos, impedindo que abrollen dos cepos e preparando as parcelas para a repoboación con árbores autóctonas na próxima primavera. Deste xeito restaurarémo-la paisaxe, mellorarémo-las condicións ambientais das marxes do río Mandeo e reducirémo-lo risco de propagación de incendios. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 5 de outubro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos en autobús dende o ambulatorio de Betanzos.
Visita á lagoa de Sobrado: Para remata-las actividades da Semana faremos unha ruta por Sobrado dos Monxes. Guiados por bos coñecedores do patrimonio natural e monumental da zona, primeiro visitarémo-las árbores senlleiras locais, cruzarémo-la notable carballeira da Casa do Gado, percorreremos unha fermosa paisaxe en mosaico e descansaremos na lagoa de Sobrado. A pesares da importancia desta zona húmida, aínda non forma parte da rede galega de espazos naturais protexidos. Alí poderemos observar aves tan espectaculares como o somorgullo cristado. Antes da comida de campo, faremos unha pequena recollida de lixo no entorno da lagoa para compensar á natureza pola contaminación producida no desprazamento en autobús. Logo nos achegaremos á lagoa de Millares e, por último, visitarémo-lo mosteiro de Sobrado. A ruta non é dificultosa, pero é conveniente levar calzado e roupa axeitada, ademais de luvas. Non esquezas os teus prismáticos e a comida e bebida que precises. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de querer participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 6 de outubro, de 9:00 a 18:00 horas.
Lugar: Partiremos en autobús dende o ambulatorio de Betanzos.