Custodia no río Mendo

24 Xuño 2014

 
Hoxe asinamos un contrato no que o Banco de Terras de Galicia cédenos por 30 anos unha parcela de 14.760 m2 da súa titularidade que está situada na ribeira do río Mendo, no concello de Oza-Cesuras.

Con esta sinatura rematamos uns trámites que duraron anos e nos que atopamos varias dificultades. A primeira foi a lexislación vixente: Cando se fundou Fragas do Mandeo, a lei que regulaba o Banco de Terras non permitía a cesión de parcelas a entidades privadas que miraran pola conservación do patrimonio natural, aínda que foran non lucrativas e declaradas oficialmente de interese galego como a nosa. Afortunadamente, a finais do ano 2011 promulgouse a Lei de mobilidade de terras, que eliminou este atranco, contemplando a custodia do territorio e a conservación da natureza entre os posibles fins dos predios que xestiona. En decembro comunicamos ó Bantegal ―daquela a súa entidade xestora― o noso interese na parcela. Tras algunha reunión co seu director en compañía doutras entidades de custodia, puidemos inicia-los trámites oficiais en abril do 2012.

Por fin, o pasado 14 de maio o Agader ―actual entidade xestora― resolveu positivamente a cesión da parcela e así puidemos formalizar o que é un dos primeiros acordos de custodia do territorio deste tipo en Galicia. Agora temos por diante o traballo de demostrar que as entidades de custodia somos merecedoras da modificación da normativa do Banco de Terras.

A finca cedida ten un considerable valor ecolóxico, por ser parte dun bosque de ribeira cualificado como hábitat prioritario. Aparte dunha grande variedade de árbores, como ameneiros, freixos, salgueiros, abeleiras, carballos, castiñeiros ou loureiros, tamén medran plantas ameazadas como o amarelle Narcissus asturiensis e varias especies de anfibios protexidos prosperan na humidade do seu chan.

Son varios os traballos que hai que afrontar. Primeiro temos que recolle-lo lixo, pois, tal como sucede frecuentemente en fincas de titularidade pública, son moitas as persoas incívicas que ciscaron nela todo tipo de refugallos. O segundo será a eliminación de especies exóticas invasoras, pois alí medran crocosmias, budleias, aligustres e robinias. Xa con máis tempo teremos que acomete-la corta de varios eucaliptos e a mellora do hábitat para os anfibios.

Tal como vemos, hai moito que facer. Se queres estar en primeira liña na rehabilitación deste espazo natural, por favor, ponte en contacto connosco. Tés tódolos datos necesarios na sección Contacto.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).