Novos voluntarios no Mandeo

23 Xullo 2015

 
Onte acudiu ó río Mandeo o primeiro dos catro grupos da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia que colaborarán este verán con Fragas do Mandeo.

Foto dos voluntariosNa súa visita ó monte de Os Vellos, tras recibir información sobre os nosos avances na restauración ecolóxica da fraga, os voluntarios traballaron amoreando a ramallada de eucalipto resultante da última corta, facilitándonos así a futura reforestación con especies autóctonas.

Na tarde de hoxe achegáronse ó lugar de Chelo coa misión de eliminar especies exóticas invasoras e, de paso, recolle-lo lixo que atopasen. Empezaron na ponte de Teixeiro e camiñaron río arriba inspeccionando a beira dereita, arrincando de raíz ―e sen deixar ningún tubérculo enterrado― toda canta crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) localizaron.

Entre a ponte de Teixeiro e o lugar de Chelo hai pequenas poboacións procedentes da que foi plantada como ornamento no aparcadoiro. É urxente eliminar estes novos focos de colonización mentres o seu número de exemplares sexa reducido, pois no caso contrario expandiranse e logo será moito máis difícil. Para o final quedará o erradicalas completamente na área recreativa e no aparcadoiro, pois alí acada as densidades máis grandes. Non se logrará nunha soa actuación, xa que sempre queda algún tubérculo: a clave é a constancia. O ano pasado iniciamos esta campaña e seguiremos repetíndoa sucesivamente até constata-la súa desaparición definitiva.

Durante estas catro semanas cada grupo de voluntarios traballará en Os Vellos e en Chelo, ademais de realizar outras actuacións de voluntariado ambiental que lles teñen programado os seus monitores. Non podemos menos que agradecerlles que veñan de todas partes de Galicia a botarnos unha man na conservación dos espazos naturais da nosa bisbarra.

Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).