Remata a segunda fase da Espenuca

28 Agosto 2015

 
Na parcela que estamos restaurando na Espenuca, o pasado sábado un grupo de dez voluntarios rematou a plantación de carballos e de cravar titores. Esta tarde, cinco destes voluntarios empezaron a poñerlles protectores para que non os rillen os corzos. As puntas triscadas dos fillos que están a saír dalgúns cepos de castiñeiro e de carballo demostran que frecuentan esta parcela.

Foto dos voluntariosA nosa mascota Dona, axudada pola súa compañeira Gala, miran de expulsalos da zona. De feito, os voluntarios puideron ve-lo sábado como un corzo, na súa fuxida, pasaba moi preto deles. Estaba escondido na carballeira lindeira, pero as dúas cadelas osmárono e botárono de alí en dirección ós eucaliptais do leste. Na persecución, Dona mancou unha das patas traseiras, pero ó día seguinte xa estaba de novo en forma.

Este domingo día 30 está convocada unha nova xornada de voluntariado para acabar de instala-los protectores e dar por rematada a segunda fase da restauración. Agora os visitantes poden consulta-lo panel informativo, segui-lo itinerario marcado que percorre toda a parcela e cruza-la pequena carballeira que sobrevive nela identificando a diversidade de árbores que a compoñen. Ou ben gozar da paisaxe descansando a carón dunha pena, xa libre de ramallada de eucalipto. Pero sobre todo, imaxina-lo tamaño que terán os carballos plantados dentro de cincuenta anos e a cantidade de vida que albergará a fraga cando cubra toda a parcela, momento no que se terá acadada a súa completa restauración ecolóxica.

O próximo mes comezará a terceira fase: o mantemento da parcela. Entre os traballos previstos están o de reforza-la plantación sementando landras, castañas e abelás recollidas na zona, ademais de volver a repasa-los cepos de eucaliptos para conseguir que sequen definitivamente.

Se queres ser un dos protagonistas deste fermoso proxecto, apúntate á xornada de voluntariado deste domingo enviándonos os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 30 de agosto de 2015.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).