Voluntarios realmente eficaces

13 Marzo 2016

 
Foto dos voluntarios

Está mañá un grupo de 20 voluntarios estiveron traballando nas parcelas que custodia Fragas do Mandeo na ribeira do Mendo para celebra-lo Día das especies autóctonas, promovido polo proxecto Tejiendo Redes, da Xarxa de Custòdia del Territori e a Obra Social “la Caixa”.

O día parecía escollido, pois amenceu soleado e cunha temperatura grata. Os voluntarios iniciaron a xornada cun itinerario para coñece-las parcelas custodiadas. Así puideron observar nelas as delicadas flores dos Narcissus asturiensis, especie catalogada oficialmente como ameazada, e a calidade do bosque de ribeira, un hábitat prioritario.

Rematado o paseo, os voluntarios dividíronse en grupos e colleron as ferramentas para poñerse a traballar con decisión. Os resultados superaron totalmente as expectativas. Na parcela de 3.465 m2 onde medraban os eucaliptos, agora non queda ningún, malia que medían máis de catro metros e o monte estaba cuberto de silvas que dificultaban o traballo. Na beira do río, arrincaron preto de 60 ligustros asiáticos Ligustrum ovalifolium e canta Crocosmia x crocosmiiflora atoparon. Tamén cortaron os 5 exemplares de Platanus x hispanica. Pola contra, a fraxilidade da Tradescantia fluminensis enganounos, pois aínda que aparentemente é sinxelo arrincala, en realidade custa moito precisamente por romper facilmente ―cada cachiño pode prender e producir unha nova planta― e non se puideron usar anciños por culpa das silvas e das poliñas caídas dos eucaliptos.

Os que recollían lixo non se quedaron atrás, enchendo até os topes un remolque de 4,8 m3 de volume con todo tipo de refugallos: un retrete, tres rodas, os asentos dun coche, unha moto despezada…

Resumindo: unha xornada moi produtiva que demostra que os voluntarios poden facer moito pola conservación da natureza. O noso agradecemento a todos eles.

Queda para o futuro rematar de elimina-la tradescantia, secar varios pés de Robinia pseudoacacia e cortar uns eucaliptos de gran tamaño que hai noutra das parcelas, para así dar por concluída a erradicación de especies exóticas neste enclave.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).