Voluntariado na praia da Alameda este sábado

14 Xuño 2016

 
Este sábado día 18, imos achegarnos á praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño) para facer unha recollida de lixo e eliminar invasoras.

Foto de lixo na praiaEsta pequena praia é o areal con máis importancia ecolóxica de todo o espazo natural protexido Betanzos-Mandeo. Por este motivo, apadriñámola dende o ano 2011, eliminando especies exóticas invasoras e retirando canto refugallo atopamos.

Neste inverno o mar modificou o perfil da praia e botou moito lixo na zona dunar. Non pode utilizarse maquinaria para recollelo, pois deterioraría a flora e afectaría negativamente ó escaso escaravello das praias (Eurynebria complanata).

Teremos a oportunidade de ver flora autóctona, como a orquídea Dactylorhiza elata, e repasaremos a reaparición das especies invasoras que temos eliminado en ocasións anteriores.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde quedaremos ás 9:30 horas para compartir vehículos, contando con estarmos de volta ás 14:00. É conveniente levar unhas luvas e calzado resistente (a vexetación estará alta e mollada), así como algo de picar e de beber para cando fagamos a pausa de media mañá.

Se te animas a participar, por favor, envíanos os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así nos facilitas a organización e tamén poderemos facerche o seguro de accidentes e avisarte se hai cambios de última hora. Na sección Contacto tes os datos necesarios.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).