Menos crocosmia e máis monitores

25 Xullo 2016

 
Foto dos voluntariosTal como estaba programado, onte achegámonos ó lugar de Chelo (Coirós) para continuar coa eliminación da crocosmia, axudados polo Grupo Naturalista Hábitat. Os 11 adultos e dous cativos que participaron na xornada recolleron en total 18 quilos de tubérculos que, segundo as contas que fixemos tras pesar un quilo deles, significan 8.748 tubérculos menos desta planta exótica invasora. Pero o máis importante de todo é que con esta acción xa están libres dela toda a área recreativa, a beira esquerda do Mandeo dende a pontella até o muíño de maquía e toda a beira dereita até a ponte de Teixeiro. Obviamente, haberá que estar atentos ante as posibles reaparicións, pois sempre queda algún tubérculo por desenterrar.

Hoxe pola mañá volvemos a visita-lo río Mandeo. A primeira hora démoslles unha charla sobre a custodia do territorio e o traballo de Fragas do Mandeo ós alumnos do Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre que a Escola Querqus está a impartir na Casa da Xuventude de Betanzos. Posteriormente achegámonos ó lugar de Chelo para que coñeceran o espazo natural e a súa biodiversidade, incidindo na importancia de que cando actúen como guías saiban destaca-los valores naturais dos espazos que visiten. Non nos deu tempo a realizar unha práctica de eliminación de especies exóticas invasoras, pero lles explicamos como organizamos as nosas actividades e os animamos a que no seu futuro profesional programen xornadas de voluntariado ambiental a favor da natureza.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).