Alumnos de bioloxía colaboran na custodia

18 Marzo 2017

 
Foto dos alumnosHoxe acompañamos a un grupo de alumnos de bioloxía da Universidade da Coruña e a dous dos seus profesores nunha visita á praia da Alameda (Miño). O obxectivo era que os alumnos empezaran as prácticas de botánica baixo o método aprendizaxe-servizo, de acordo co convenio que ten asinado Fragas do Mandeo coa universidade.

Con este son tres os grupos de traballo. O día 6 acompañamos ó primeiro na visita ás reservas de anfibios do Catorce e do Ollo da Roda, e o día 13 achegámonos co segundo grupo para percorrer ás parcelas que custodiamos na Espenuca (Coirós). En todos estes lugares explicamos as actuacións que estamos levando a cabo e cales son as dificultades que atopamos para mellora-lo estado ecolóxico dos hábitats.

En total son 17 alumnos que estudarán a flora destes espazos, de maneira que o coñecemento que obteñan nos permita xestionalos con máis eficacia. Identificarán as especies exóticas invasoras presentes, determinarán a composición da vexetación autóctona e os datos que recollan ―sumados ós de futuros alumnos nos próximos anos― posibilitarán determina-la evolución da flora.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).