Semana de intenso traballo

17 Abril 2017

 
A coincidencia nesta semana de días festivos e tempo soleado facilitounos o poder abordar moito traballo pendente.

Foto dos voluntariosO luns un voluntario foi á lagoa de Sobrado para realiza-las tarefas periódicas de mantemento e limpeza do observatorio ornitolóxico, así como a recollida de lixo nas dúas parcelas que custodiamos, na contorna da lagoa e no tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela.

Na maña do xoves, catro voluntarios achegáronse ó lugar de Chelo (Coirós) para continuar coa campaña da crocosmia. Estiveron agachados arrincando tubérculos durante catro horas. Non recolleron moitos, pois estamos a piques de erradicala totalmente da ribeira do Mandeo entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro, onde xa temos retirando máis de 172.000 tubérculos. Pero a súa labor foi moi importante para evitar que a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) se recupere a partir dos poucos tubérculos que quedaban.

Foto dos voluntariosPola tarde, tres voluntarios foron á reserva do Ollo da Roda, no río Mendo. Prepararon unha zona para plantar arborado autóctono, cortando eucaliptos e amoreando a súa ramallada.

Debido ó tempo seco acompañado de elevadas temperaturas, o nivel de auga na reserva do Catorce está moi baixo. Os anfibios están a sufrir, pois algunhas pozas están secando cando os cabezolos aínda non se metamorfosearon. Tratamos de palialo levando 340 litros de auga, pero non foi suficiente debido á alta evaporación. Finalmente, optamos por trasladar a pozas con máis auga aqueles que estaban condenados.

O sábado outros tres voluntarios foron a Espenuca. Había que roza-lo camiño que cruza o monte que custodiamos na aba norte, pois estaba pechándose con toxos e fieitos. Tamén repasamos a eliminación de eucaliptos: non chegaron a unha ducia os que apareceron de rebrote, pero nacen bastantes de semente. Pouco a pouco, o bosque autóctono vaise recuperando.

Foto dos voluntariosO domingo un voluntario fixo un itinerario de limpeza dende o lugar de Chelo até Cal dos Arados polas dúas beiras do río Mandeo. Periodicamente recollemos os refugallos na ruta dende Chelo río abaixo até a ponte de Teixeiro, por se-la máis frecuentada. Pero cada vez máis sendeiristas percorren a ruta río arriba, polo que sempre aparece lixo. De paso foi anotando os puntos onde localizou especies exóticas: tradescantia (Tradescantia fluminensis), loureiro romano (Prunus laurocerasus) e calas (Zantedeschia aethiopica). Haberá que eliminalas en canto se poida.

Resumindo: Unha semana activa na que persoas comprometidas coa conservación da biodiversidade da nosa bisbarra dedican o seu tempo libre a un voluntariado ambiental realmente eficaz.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).