Recuperando a fraga da Espenuca

19 Novembro 2017

 
Esta mañá once voluntarios visitaron a aba norte do monte da Espenuca, para traballar na parcela de 1,6 hectáreas que custodiamos por 50 anos. Situada ó pé da ermida, hai dous anos que iniciámo-lo proceso para transforma-lo seu eucaliptal nunha fraga.

Foto dos voluntariosNa primeira metade deste ano fixemos dous repasos para elimina-los eucaliptos que naceron de semente (xa quedan moi poucos que afillen de cepo). Co verán os fieitos, os toxos e as xestas dificultaban localizalos e incluso acceder a eles. Tampouco puidemos rozar, pois a seca facilitaba que prendera lume calquera chispa da desbrozadora. Nin era aconsellable, pois na intensa calor deste verán, a vexetación daba sombra e proporcionaba humidade ás árbores que tiñamos plantado.

Hoxe aproveitámo-lo tempo solleiro, agradecendo que a vexetación non amencera mollada polo resío. Un voluntario terminou de limpa-los camiños interiores, labor que xa comezara un par de días antes. O resto estivo arrincando os eucaliptos e cortando os toxos e as xestas (moitas delas medían máis de dous metros de alto).

Liberadas de toda esta vexetación, os voluntarios puideron localiza-las árbores que plantáramos e aquelas que naceron espontaneamente de semente. A inicios da próxima primavera non atoparán dificultades para medrar dereitas. Tamén comprobaron como o solo cubriuse de musgo e de vexetación de menor porte, unha magnífica defensa contra o risco de erosión nunha parcela con tanta pendente. A mellora do hábitat vai notándose tamén na fauna, pois traballando atoparon unha píntega (Salamandra salamandra) e un sapo común (Bufo spinosus).

Aínda quedan varias xornadas máis para rematar estas importantes labores silviculturais: Restaurar un bosque é moito máis que plantar árbores. Se queres participar nas próximas convocatorias e aínda non estás na nosa lista de correos, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto tés tódolos detalles.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).