Xa está aberto o prazo de inscrición do III Campo de Traballo Monte da Espenuca.
Entre os días 16 e 27 de agosto, os voluntarios continuarán a liña de traballo das dúas edicións anteriores, realizando actividades de conservación da natureza no entorno da Espenuca. Nesta ocasión está previsto que volvan a centrarse na eliminación de especies exóticas invasoras no lugar de Chelo.
O obxectivo principal dos 13 participantes, acompañados de 3 monitores, será continuar coa eliminación da tradescantia (Tradescantia fluminensis) no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo.
Os voluntarios da pasada edición realizaron un magnífico traballo eliminando no seu tramo final tradescantias e hortensias. Posteriormente, Fragas do Mandeo estivo vixiando a súa reaparición e plantou 80 loureiros na zona que ocupaban as hortensias. Agora toca continuar augas arriba para evitar que as enchentes poidan arrastrar propágulos de tradescantia que logren prender nalgún punto onde xa foi erradicada.
Pero non todo será traballar, pois o programa contempla actividades culturais e turísticas que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitar espazos naturais e vilas monumentais próximas, e asistir a algúns eventos culturais ou festas tradicionais.
Como nas edicións anteriores, participarán voluntarios procedentes de distintas comunidades con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos (aínda que este ano non será internacional). Xa que logo, o campo de traballo é un punto de encontro de mozos de moi distinta orixe, que conviven e se implican na sociedade local nun entorno no que se fomentan os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo.
Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.
Para obter máis información e inscribirse, consulta a ficha do campo de traballo Monte da Espenuca 2018.