Voluntariado o día 22 na reserva do Catorce

16 Xullo 2018

 
En xullo do 2016 empezamos a custodiar tres parcelas de titularidade municipal no monte Pedra Partida (Coirós) para crear a Reserva de Anfibios do Catorce. Nos cen primeiros días transformamos radicalmente o espazo, mellorando o hábitat notablemente. A primeiros deste mes empezámo-los traballos da campaña deste ano: Rozámo-lo exceso de mato en varios puntos e unha empresa especializada retirou as uralitas con amianto contaminante nos edificios abandonados da antiga canteira.

Na xornada de voluntariado deste domingo continuaremos coas tarefas de eliminación de dúas especies exóticas invasoras de orixe americana, o eixerón (Conyza canadensis) e o xunco Cyperus eragrostis, que xa tiñamos iniciado o ano pasado por estas datas. Son plantas pequenas, doadas de arrincar, pero numerosas, polo que precisamos de moitas mans. Tamén eliminaremos algúns eucaliptos que rebrotaron.

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Lembra vestir roupa axeitada e protexe-la cabeza do sol. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres implicarte na conservación do mellor enclave para a reprodución de anfibios de Coirós, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 22 de xullo de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).