Comeza o terceiro campo de traballo

17 Agosto 2018

 
Esta mañá iniciouse a terceira edición do campo de traballo Monte da Espenuca. Nove voluntarios procedentes de toda España, acompañados de dous monitores e do director do campo, traballarán a favor do noso patrimonio natural até o día 27 de agosto.

A principal labor que acometerán será a eliminación dunha especie exótica invasora de orixe suramericana, a tradescantia (Tradescantia fluminensis), no rego das Bouzas. Este afluente do Mandeo desemboca xusto ó pé do Centro de Interpretación de Chelo (Coirós). Ademais de despraza-la vexetación autóctona, a presenza desta invasora nas súas beiras supón o risco de que as enchentes invernais arrastren restos que poden chegar a prender dentro do espazo natural protexido, onde estamos preto de lograr erradicala ó longo do tramo que apadriñamos no río Mandeo.

Deste xeito o campo dará continuidade ó iniciado polos voluntarios da anterior edición. Durante o inverno e a primavera, voluntarios de Fragas do Mandeo estiveron revisando as zonas de actuación para impedir que a tradescantia as recolonizara.

Está mañá tivemos a ocasión de expoñerlles as actuacións de restauración de hábitats que temos realizado, cales son os nosos obxectivos e como empregamos a custodia do territorio para conserva-la biodiversidade da nosa bisbarra.

Fragas do Mandeo promove, asesora e colabora con este campo de traballo. Solicitado polo Concello de Coirós, está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).