Día de exame na reserva do Catorce

11 Outubro 2018

 
Antonte un técnico do grupo de desenvolvemento rural achegouse a visita-la reserva de anfibios do Catorce. A súa misión era verificar que tiñamos executado tódalas actuacións contempladas na nosa solicitude de axuda a cargo dos fondos Feader, como paso previo ó seu abono.

Foto da barreira de accesoO destino desta subvención era abordar aquelas actuacións que requirían da intervención de profesionais e non podían ser realizadas por voluntarios. Un xestor autorizado retirou tódalas uralitas con amianto, tanto as fixadas nos edificios coma as moreas que alí foron abandonadas. Especialistas en poda en altura eliminaron os eucaliptos que medraban nas paredes rochosas. Rehabilitouse o vestiario da canteira para que os voluntarios e as visitas organizadas teñan onde abrigarse no caso de inclemencias meteorolóxicas. O edificio do antigo transformador converteuse nun refuxio de morcegos e rapaces nocturnas. Por último, instaláronse un valado para evitar caídas accidentais polos desniveis, unha barreira que impide o paso de vehículos non autorizados e varios paneis informativos.

Non soamente pasamos con éxito o exame, se non que incluso recibimos parabéns. Pero como faltaba por verificar algo importante, aínda que non estivera incluído no proxecto subvencionado, hoxe volvemos visita-la reserva.

Foto dunha charcaTras a longa seca, esta madrugada a choiva por fin mollou a terra. Isto permitiunos comprobar que as actuacións que efectuamos este verán para mellora-la retención de auga deron resultado. Xa apareceron algunhas charcas e pronto volverán os anfibios a elas.

Varios voluntarios estiveron traballando arreo estes últimos meses axudando e complementando ós profesionais. Quedan aínda tarefas por rematar, como son pinta-lo refuxio de visitantes, roza-lo exceso de mato ou eliminar rebrotes de eucaliptos. Proximamente convocaremos novas xornadas de voluntariado para que todos poidamos ser partícipes do mantemento desta reserva.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).