Nova invasora na Alameda

13 Novembro 2018

 
Antonte fixemos unha visita de inspección á praia da Alameda (Miño), dentro do noso programa de apadriñamento de espazos naturais. O principal obxectivo era revisar a reaparición de especies exóticas invasoras, especialmente dos plumachos (Cortaderia selloana). Segundo se achega o inverno, cada vez é máis doado localizar aqueles exemplares pequenos que aínda nunca floreceron, pois destacan entre a vexetación. Soamente atopamos seis pés, que arrincamos inmediatamente sen dificultade.

Tamén retiramos todo o lixo que atopamos. Pesámolo antes de ciscalo no contedor: 104 quilos. Apareceu principalmente na arribazón traída pola marea, pois a zona dunar segue manténdose bastante limpa. ¡Nótase o traballo continuado!

Pero a sorpresa foi atopar unha nova invasora entre a densa vexetación da trasduna: o carrapatón (Bidens frondosa). A esta especie norteamericana gústanlle os lugares húmidos e ricos en nutrientes. O seu nome alude á capacidade das súas sementes para engancharse con facilidade no pelo dos mamíferos ou nas plumas das aves grazas a un par de pelos dentados; tamén na roupa, o que resulta un encordio. Outra maneira que teñen de dispersarse é flotando na auga. Para que esta planta anual non logre reproducirse hai que arrincala antes de que bote sementes.

Aínda que este ano chegamos algo tarde, hoxe arrincamos tódolos exemplares localizados para evitar que se espallasen as sementes que non tiñan caído. Tamén arrincamos nove chopos híbridos (Populus x canadensis). Pasaron desapercibidos entre os salgueiros e ameneiros da trasduna, pero agora delatounos a intensa cor amarela das súas follas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).