Para o próximo domingo día 23 temos programada a última xornada de voluntariado na reserva de anfibios do Catorce deste ano, aproveitando os prognósticos meteorolóxicos favorables. A xornada tamén servirá para amosa-lo resultado das últimas actuacións, vela con moita auga e observa-las primeiras postas de anfibios. E por último, pero non menos importante, para compensar á natureza polo consumismo desenfreado destas datas.
Dende agosto, os voluntarios estiveron traballando para des-eucaliptizar as dúas hectáreas de monte da reserva. Agora toca darlle un repaso ós rebrotes dos eucaliptos, para que a humidade invernal acabe podrecéndoos. O traballo consistirá en corta-los rebrotes e danar severamente os cepos coa axuda de machados e pulaskis.
Como habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos. Como seguramente non cheguen as ferramentas para todos, se podes, leva unha macheta. Lembra que é conveniente levar unhas luvas de coiro e vestir roupa axeitada para andar polo monte no inverno. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Se queres participar na des-eucaliptización da reserva do Catorce, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 23 de decembro de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Post data: A elevada participación nesta xornada de voluntariado permitiu acabar con tódolos rebrotes de eucaliptos na zona de bosque da reserva do Catorce. A media mañá, as 20 persoas que participaron xa os tiñan eliminado, polo que ocuparon o resto do tempo nunha visita guiada pola reserva. Ademais de recibiren explicacións sobre as obras realizadas, puideron observa-la reserva repleta de auga e localizar nas pozas as postas e os cabezolos dos anfibios que xa empezaron a reproducirse. O venres día 28 tres voluntarios completaron o traballo eliminando os rebrotes nas paredes da canteira. Con estas actuacións, podemos dar por rematados os traballos de mellora ambiental da reserva.