Primeira xornada de voluntariado deste ano

18 Febreiro 2019

 
O próximo domingo día 24 imos achegarnos ó monte que mercamos hai un mes no río Mendo para formar parte da reserva do Ollo da Roda. Non hai dúbida co tempo: os meteorólogos prognostican que un anticiclón vai deixarnos días soleados toda a semana.

Foto dos voluntariosO principal traballo a realizar é recoller toda a ramallada procedente da corta dos eucaliptos, deixando preparada a parcela para que se rexeneren o bosque e o prado de ribeira que existían antes de que fose plantada con eucaliptos. O segundo traballo é retira-lo lixo que xente incívica ciscou nas lindes dos nosos montes coa pista. Ningún destes traballos presenta especial dificultade, polo que pode realizalos a meirande parte das persoas.

Como de costume, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non te preocupes polas ferramentas, pero procura levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquezas algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

No caso de que esteas interesado en colaborar na creación da reserva natural do Ollo da Roda, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 24 de febreiro de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Na xornada de hoxe xuntámonos 16 persoas. Destinamos a primeira metade da mañá a amorea-la ramallada de eucalipto, pero había tanta que non demos acabado. A segunda metade destinámola a recoller refugallos. Cargámo-lo remolque con tres frigoríficos e rematamos de enchelo con bolsas de lixo, o que significa un volume total de 4 m3. Pero aínda queda ramallada por amorear e refugallos por recoller.
Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).