Positiva avaliación da VIII Semana de Custodia

23 Setembro 2019

 
Rematada xa esta oitava edición, paga a pena face-lo resumen do que nela ten acontecido.

Na xornada inaugural 31 persoas escoitaron con interese a tres conferenciantes de enorme valía. Mágoa que non trouxeran boas novas respecto do futuro das catro especies que están en maior perigo de extinción na nosa bisbarra.

O Dr. Pedro Galán expuxo os resultados do seu último proxecto de investigación sobre dous dos nosos endemismos ibéricos, prognosticando que no período 2041-2070 a distribución da saramaganta vai reducirse até a metade e que lamentablemente nese mesmo período vai extinguirse en todo o planeta a lagartixa da serra. A continuación D. César Ayres informou do mal estado das poboacións galegas de sapoconcho europeo, do que non se teñen evidencias de que sobreviva actualmente na ría de Betanzos. Por último, D. Emilio Martínez explicou a situación da escribenta das canaveiras iberoccidental. Este paxariño está en grave perigo de extinción, pois soamente quedan 110 parellas en todo o mundo, 20 delas en Galicia e o resto en Portugal. Está prognosticada a súa extinción para o ano 2023, polo que é necesaria unha urxente acción conxunta entre Galicia e Portugal para evitalo. Obviamente, o reto de recupera-las poboacións locais destas catro especies está fóra da capacidade de actuación de Fragas do Mandeo, pois para iso precisaríamos dun decidido apoio institucional, situación que non se está a dar actualmente.

Na primeira xornada de voluntariado ambiental participaron 16 persoas que se desprazaron ó lugar de Chelo (Coirós) co obxectivo de erradica-lo último foco de tradescantia no tramo de 6 km de río Mandeo que apadriñamos. Non lograron rematar con el, pois está nun lugar onde a herba alta, as silvas e os arbustos dificultaron moito o traballo, pero aínda así retiraron 207 kg desta planta exótica invasora. Convocaremos unha nova xornada para eliminala definitivamente.

O día da eco-regata foi o pasado sábado. O prognóstico meteorolóxico era preocupante e seguramente desanimou a moitos. A primeira hora da tarde orballaba, o que obrigou a despregar lonas coas que cubri-la mesa na que se inscribiron 38 persoas. Partiron do porto cinco lanchas (Isamar, O Petelo, Arquider, Riandola, Chico e a pneumática Vill) con destino á ribeira dereita da ría, nun tramo no que non se recollera lixo en ningunha das cinco edicións anteriores. A zona resultou ser algo difícil, pois os baixos de esteiro non lle permitían a varias embarcacións achegarse ás zonas encomendadas. A concentración de refugallos tamén era menor que noutras ocasións, así que había que cubrir máis superficie de xuncal para enche-los sacos. Aínda así, ó final da xornada encheron un contedor industrial de 7 m3 con refugallos de todo tipo: dende unha bota de viño até a tapa dun retrete, pasando por dous tambores de lavadora, un frigorífico, un televisor, catro rodas e dúas cadeiras de cafetería. Finalmente, o tempo colaborou, os voluntarios non se mollaron e puidemos celebra-lo remate da eco-regata cunhas viandas e bebidas no porto.

A terceira actuación de voluntariado ambiental foi onte, no río Lambre. Aínda que prognosticaban choiva durante toda a mañá, os 18 participantes non se botaron atrás e percorreron o tramo medio do río, dende a ponte de Fandiño até augas arriba da central de Güimil. En realidade o treito de río no que recolleron lixo reduciuse a 2,5 km, pois non puideron andar todo o traxecto ó estar pechados varios carreiros que seguen as súas beiras. En total foron 225 kg menos de refugallos na natureza, entre os que destacaron catro rodas (dúas delas as traseiras dun tractor, estimadas en 60 kg cada unha). Así que remataron contentos dunha xornada na que gozaron dun tempo magnífico camiñando pola ribeira dun fermoso río que apenas coñecían.

A Semana de Custodia do Territorio ten a dobre finalidade de que os interesados poidan informarse asistindo á xornada de conferencias e de permitirlles colaborar en actuacións que melloren o estado dos nosos espazos naturais. Un ano máis, cumpriu os seus modestos obxectivos, coa participación de 78 persoas distintas cun total de 104 asistencias.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).