Unha limpeza de ríos sistemática

28 Setembro 2019

 
A oitava edición da Semana de Custodia do Territorio rematou o día 22 cunha recollida de lixo no Lambre. Foi a nosa maneira de participar na limpeza simultánea de ríos que se celebra mañá por todo o territorio galego. Nós adiantámola para que puidera formar parte do programa da Semana.

Pero non nos contentamos co logrado o pasado domingo. Así que durante estes días estivemos percorrendo os tramos de río que apadriñamos.

Limpámo-lo Mandeo dende O Tope, augas arriba da minicentral do Zarzo, até a ponte de Teixeiro. Son aproximadamente 6 km de río no que retiramos 11 kg de lixo diverso. A cifra resultou reducida porque ó longo do verán fixemos varias limpezas, necesarias pola elevada afluencia de visitantes no entorno de Chelo.

No Mendo percorremos o tramo dende a ponte das Moas até a ponte de Taibo, cunha lonxitude de aproximadamente 8 km. Recollemos 63 kg, dos que 15 kg eran lixo miúdo e o resto tres rodas, unha delas coa llanta.

Se o domingo limpamos un treito no Lambre, iniciado augas arriba da minicentral de Güimil e rematado na ponte de Fandiño, hoxe continuamos até Ponte Lambre, o que significan aproximadamente 5 km. Sumando o recollido nos dous días, foron 243 kg en total (dos que 114 kg eran lixo diverso e o resto catro rodas, dúas delas as traseiras dun tractor).

Resumindo: 317 kg de lixo retirados en 19 km de río, concentrada nos puntos máis concorridos, na contorna das pontes e nos tramos onde o leito avanza paralelo a algunha estrada.

Os resultados indican que nas limpezas iniciais recóllese moito lixo, aquel acumulado ó longo de décadas de forma dispersa ou concentrado en vellos vertedoiros incontrolados. En anos sucesivos atópase pouco e habitualmente aparece nas zonas máis frecuentadas, correspondendo a refugallos como cascos de refrescos, envoltorios plásticos de lambetadas, paquetes de tabaco, produtos de hixiene persoal, envases de produtos deportivos, etc. O certo é que, grazas á xeneralización do servizo municipal de recollida de lixo doméstico e á progresiva concienciación cidadá, cada vez se tira menos lixo ós ríos.

Todo isto foi grazas ós 18 voluntarios que percorreron os tres ríos polas dúas beiras, sumando máis de 40 km de camiñada, boa parte deles cargados co lixo recollido. O seu traballo seguirá sendo necesario, mentres a Administración non asuma que os ríos, igual que as rúas, hai que mantelos limpos.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).