Rematada a segunda limpeza anual do Mandeo

21 Xullo 2021

 
Terminada a limpeza do Mendo, tocoulle agora a quenda ó río Mandeo, onde apadriñamos o treito que vai dende O Tope até a ponte de Teixeiro. Para elimina-las especies exóticas invasoras e recolle-lo lixo por ámbalas súas dúas ribeiras, tivemos que camiñar un total de 19 km, divididos en catro etapas.

Atopamos máis refugallos que no Mendo (24,5 kg), posiblemente debido a que este río é máis frecuentado. No que toca ás invasoras, se exceptuamos a última etapa, localizamos moi poucas especies e poucos exemplares de cada unha delas, indicativo de que a nosa constancia na súa erradicación está levando a que os distintos focos vaian desaparecendo definitivamente.

A situación é distinta na última etapa, que abrangue a ribeira de Coirós entre Chelo e a ponte de Teixeiro, pois precisou de tres xornadas. Na área recreativa aínda é patente a pasada existencia de grandes focos de crocosmia e de tradescantia, pois seguen aparecendo numerosos exemplares. No resto do treito, a erradicación da crocosmia tamén está resultando lenta, pois a frondosa vexetación dificulta a súa localización. Incluso descubrimos un novo foco de tradescantia nun lugar inesperado, suficientemente extenso como para requirir dunha xornada de voluntariado específica.

Finalmente, o balance das invasoras neste segundo repaso anual resultou en seis especies eliminadas, destacando os 1.221 tubérculos de crocosmia desenterrados e os 18,5 kg que pesou a biomasa da tradescantia arrincada. Son cifras elevadas, pero moi esperanzadoras se as comparamos coas de anos pasados.

Aínda así, hai que lembrar que no entorno de Chelo quedan grandes focos de bambú negro, de robinia e de acacia negra, onde será precisa a colaboración de distintos propietarios para lograr a súa eliminación.

Post data: O día 28 de xullo eliminámo-lo novo foco de tradescantia localizado na segunda revisión do Mandeo. Ocupaba unha extensión aproximada de 35 m2, precisando tres horas de traballo un equipo de catro voluntarios para arrincar o total de 46 kg que pesou a súa biomasa.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).