Tras remata-lo traballo na praia da Alameda, agora toca repasa-la presenza de invasoras na praia Grande de Miño.
Esta mañá estivemos inspeccionando o estado deste areal, no que temos eliminado 13 especies de plantas exóticas dende que comezamos a apadriñalo no ano 2015. De novo atopamos unha situación similar á que presentaron os espazos naturais que revisamos ultimamente. Por unha banda, localizamos poucas plantas invasoras. Algunhas delas xa as erradicáramos hai tempo, pero teñen reaparecido, como é o caso dun exemplar de iuca e unha pequena mancha de uña de gato. A especie máis frecuente é o eixerón; está a piques de florecer, polo que corre présa eliminalo para evitar que se espallen as súas sementes.
En canto a lixo, tamén hai pouco. Non imos atopalo na parte frontal da praia, pois agora no verán pasan as máquinas de limpeza, pero hai algún oculto entre a vexetación dunar.
De novo, a situación sanitaria obriga a limita-las prazas a dez persoas e tódolos participantes deberán leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. Como sempre, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Para esta data prognostican un día nubrado, así que se pensas que esta é unha boa ocasión para coidar esta praia, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 8 de agosto de 2021.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Post data: Pouca asistencia nesta xornada, pois non se completaron as prazas e houbo dúas baixas de última hora. Aínda así, os cinco participantes remataron o traballo previsto, percorrendo toda a praia e a zona de xuncal ó seu carón. Arrincaron canto eixerón atoparon (51 kg) e logo eliminaron a uña de gato (20 kg) e a iuca (5 kg), escavando na area para que non quedara ningunha raíz. Tamén recolleron 19 kg de lixo, principalmente concentrado nas dunas con vexetación máis alta, entre o que hai que destacar dúas rodas.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.