Voluntariado no río Mendo o día 26

23 Setembro 2021

 
O próximo domingo achegarémonos ó río Mendo para participar outro ano máis na limpeza simultánea dos ríos galegos, na que será para nós a novena colaboración.

A relevancia desta decimocuarta edición da limpeza coordinada polo Proxecto Ríos amósase nos resultados de anos precedentes. Sen ir máis lonxe, o ano pasado, malia os condicionamentos sanitarios, participamos 891 persoas de 64 entidades, retirando máis de 16 toneladas de refugallos en 61 treitos de río situados en 49 concellos. Se dúbida, unha acción significativa para mellora-lo estado ambiental dos nosos ríos e concienciar sobre a súa conservación.

Foto do voluntariadoNesta ocasión optamos por volver traballar na ponte da Ermida, pois o ano pasado non logramos remata-la retirada de todo o lixo acumulado durante décadas a carón dos seus piares. O percorrido das ribeiras dos tramos apadriñados co obxecto de recoller refugallos e retirar invasoras xa o estamos a facer periodicamente ó longo do ano.

Para evita-los riscos de contaxio, non relaxaremos as medidas de protección. Limitarémo-las prazas a dez persoas e tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero será necesario vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres mollarte connosco na conservación do río Mendo, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 26 de setembro de 2021.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Tivemos un tempo ideal para traballar. Tras unha baixa de última hora, os 8 participantes dirixímonos á ponte da Ermida. Logramos retirar 781,5 kg de residuos, compostos por 287 kg de lixo diverso e 494,5 de entullos. Entre os voluminosos, podemos citar os asentos dun coche e o tambor dunha lavadora. Aproveitamos tamén para desenterrar 5 tubérculos de crocosmia, para evitar que se converteran nun foco de invasoras maior.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).