Esta mañá os alumnos do Club de Ciencias do IES Francisco Aguiar de Betanzos, acompañados polos seus profesores, visitaron a nosa reserva de anfibios do Catorce. Están a construír unha charca no xardín do seu instituto, polo que esperaban atopar ideas que poidan aplicar nela para favorecer a presenza destes pequenos vertebrados.
O guía de Fragas do Mandeo explicoulles o proceso de transformación deste enclave e puideron observar como as diferentes características das pozas favorecen a distintas especies. Así localizaron moitas postas de ra vermella nas pozas estacionais, pero non nas máis profundas, que son as preferidas da ra verde. Deste xeito salientouse a importancia de crear pequenos refuxios de fauna onde poidan reproducirse os anfibios, aínda que sexa como neste caso partindo dunha canteira abandonada situada na proximidade de vivendas e industrias.
Tamén visitaron a zona de bosque da reserva, onde explicámo-los traballos de eliminación de eucaliptos e de recuperación do bosque autóctono, atopando no itinerario indicios da reprodución da píntega común e da presenza da algaria.
Finalmente, quedaron en volver ó inicio da primavera, para ver a evolución das larvas de anfibios e lograr identificar máis especies na nosa reserva.