A Espenuca mira de novo a Chelo

28 Xaneiro 2022

 
Onte e máis hoxe, seis persoas estiveron traballando duramente para recuperar parcialmente as espectaculares vistas que en tempos había dende A Espenuca: agora pode verse de novo o lugar de Chelo e o curso baixo do río Mandeo.

Foto das vistasNo mes de outubro iniciámo-la primeira fase da eliminación dos eucaliptos nas tenzas que temos mercado no cumio do monte da Espenuca. Para esta segunda fase precisabámo-la colaboración de profesionais experimentados. Había que corta-los enormes eucaliptos ―grosores de até 75 cm e alturas que acadaban os 27 metros― que deixáramos para esta fase, pero sen dana-los poucos érbedos, loureiros, carballos e castiñeiros que sobrevivían baixo eles. Todo elo nunha aba de acusada pendente (76 % de media), salpicada de perigosos salientes rochosos. Vendo os escasísimos danos causados ó arborado autóctono, a cualificación destes profesionais quedou máis que demostrada.

No frío amencer destes días soleados, o xogo das néboas que se demoran no val do Mandeo é moi fermoso. Aínda que o traballo ten sido moi duro, a satisfacción é enorme.

Pero o traballo non rematou, pois aínda nos quedan por eliminar os eucaliptos na parte baixa das parcelas, inicia-la reforestación con arborado autóctono procedente do noso viveiro e, cando chegue o seu tempo, controlar manualmente os rebrotes dos eucaliptos até que sequen definitivamente. ¡A recuperación desta fraga non é un traballo doado!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).