Erradicando a tradescantia no Mandeo

21 Xaneiro 2022

 
Nestas primeiras semanas do ano a loita contra as especies exóticas invasoras estivo centrada na tradescantia. Hoxe rematámo-lo repaso invernal do río Mandeo, no tramo entre O Tope e a ponte de Teixeiro, así como no seu afluente o rego das Bouzas.

Foto da tradescantiaNesta época do ano é fácil detecta-la presenza de invasoras, pois non logran quedar ocultas entre a vexetación autóctona, totalmente murchada polo frío. En total retiramos 128,5 kg de biomasa de tradescantia, ademais de desenterrar 251 tubérculos de crocosmia e arrincar dúas acacias negras, unha hortensia e un ligustro asiático.

A tradescantia é a invasora que actualmente está a darnos máis traballo. Obriga a repasos continuados, cada vez máis exhaustivos, tratando de arrincala con extremo coidado para non deixar o máis mínimo anaco. Dos seis focos no río Mandeo, soamente demos por erradicado un, aínda que os demais están moi diminuídos. No rego das Bouzas prodúcense máis rebrotes, a causa dos numerosos focos existentes e porque aínda non se eliminou augas arriba dos muíños. Sumado a todo isto, dáse a circunstancia de que esta invasora ten aproveitado que a situación sanitaria dos últimos dous anos limitounos dedicarlle todo o tempo que precisa.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).