Un novo ano de incerteza

1 Xaneiro 2022

 
Encaramos hoxe un novo ano no que, igual que nos dous anteriores, estaremos condicionados pola evolución da situación sanitaria. Malia as dificultades, esperamos seguir realizando na medida do posible a nosa misión de preserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra e continuar restaurando ecosistemas deteriorados para amplia-los hábitats das especies ameazadas.

Finalizamos o ano 2021 totalizando 1.802,3 kg de biomasa de 18 especies exóticas invasoras retiradas dos nosos montes, ríos e praias, onde tamén temos recollido 1.502,6 kg de lixo. Aínda que salientables, son cifras sensiblemente inferiores ás do ano 2019, como resultado de ter convocado moitas menos xornadas de voluntariado e a limitar nelas o número de participantes, ante os riscos inherentes de contaxio e os confinamentos perimetrais establecidos.

O principal obxectivo do ano foi manter a raia ás invasoras, para así evitar a recolonización dos espazos nos que as tiñamos eliminado. As especies herbáceas que nos ocuparon máis tempo foron a crocosmia (1.834 tubérculos desenterrados), a tradescantia (1.056 kg) e a xunca olorosa (596 kg). Entre as arbóreas, aparte dos eucaliptos que eliminamos nas parcelas que custodiamos, por primeira vez intentamos erradicar os centos de exemplares de álamos brancos que invaden a praia da Alameda.

Todo isto foi posible grazas ó esforzo das 29 persoas que participaron nunha ou varias das xornadas de voluntariado que temos convocado no ano que acaba de rematar, ás que se engaden as 10 persoas que colaboraron connosco na quinta edición do campo de traballo Monte da Espenuca. A todos eles, ¡moitas grazas!

Ve-las melloras medioambientais acadadas nestes últimos anos reforza as nosas enerxías. Xa que logo, nada mellor que continuar traballando para aborda-la prolongación desta situación de incerteza.

¡Saúde e próspero ano novo!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).