Voluntariado na Espenuca

3 Febreiro 2022

 
O próximo domingo, día 6, imos achegarnos ó miradoiro da Espenuca cun dobre obxectivo: gozar das vistas recuperadas e recoller lixo.

Foto do cartel nas tenzasTras décadas nas que os eucaliptos cegaban totalmente a panorámica divisable dende o miradoiro, celebraremos que de novo podemos gozar dela ―aínda que sexa só parcialmente― grazas ó traballo que estivemos realizando nas cinco tenzas que temos mercado.

Unha vez expliquémo-las duras condiciones nas que eliminamos os eucaliptos, procederemos a recoller todo o lixo que atopemos. Na aba noroeste do monte hai moitos refugallos, a causa de que visitantes incívicos optan por desfacerse deles guindándoos no medio do bosque. Máis difícil nos será retirar unha lavadora e un vehículo chimpados ladeira abaixo, para o que será preciso usar cordas.

Para evita-los riscos de contaxio, non relaxaremos as medidas de protección. Limitarémo-las prazas e tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. O punto de encontro será o propio miradoiro. Non fai falla levar ferramentas. No miradoiro a recollida será sinxela, pero é recomendable un bastón e calzado axeitado para internarse na aba. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres apuntarte, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Miradoiro da Espenuca (Coirós).
Data: Domingo, 6 de febreiro de 2022.
Hora: Empezaremos ás 9:30 e remataremos ás 14:00 horas.

Post data: Unha vez que explicamos ós nove participantes da xornada o traballo que levamos feito no cumio da Espenuca, e o que aínda queda por facer, puxémonos a retira-lo lixo na zona. Para subi-lo ciscado na aba noroeste, tivemos que usar longas cordas a causa da elevada pendente. O balance foi de 273 kg, incluíndo voluminosos como unha lavadora, un televisor, un pequeno sofá e a metade dun vehículo. Quedounos por subi-lo motor e o eixo dianteiro coas súas dúas rodas, pero xa o faremos noutra ocasión.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).