Limpeza da praia Grande de Miño

26 Marzo 2022

 
Esta mañá un grupo de trece persoas limparon a praia Grande de Miño. Percorreron todo o areal de punta a punta e dende a estrada até o mar, recollendo sistematicamente tódolos refugallos, incluso rebuscando entre a vexetación dunar para que non quedara absolutamente nada. En total retiraron 216,15 kg de lixo.

Foto dos voluntariosEsta coidadosa limpeza tamén permitiu localizar dous incipientes focos de especies exóticas invasoras, un de crocosmia e outro de uña de gato. Non chegou a un quilo a biomasa retirada, pero a pronta intervención evitou que se expandiran. É a vantaxe de actuar simultaneamente ante o lixo e ante as invasoras.

A iniciativa partiu da empresa do sector da moda NWHR, que se puxo en contacto connosco para que organizáramos unha xornada de voluntariado destinada ós seus simpatizantes e traballadores. Con esta actuación queren compensar o ineludible impacto ambiental que, como calquera outra actividade industrial, supón o sector téxtil, incluso cando a responsabilidade ambiental está na mesma cerna da empresa, como é neste caso. Por iso agradecémoslle o seu compromiso, colaborando connosco no mantemento do patrimonio natural da nosa bisbarra.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado desta xornada.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).