Se o mes pasado retomámo-las compras de montes de interese ambiental para amplia-la superficie custodiada, hoxe fixémo-la segunda adquisición deste ano.
Esta mañá estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de varias parcelas situadas nas proximidades do lugar de Chelo (Coirós). Suman 5.011 m2 de superficie, algunha delas linda co río Mandeo e presentan un estado de conservación variable, dende as que teñen arborado autóctono até outras nas que hai que elimina-los eucaliptos.
De novo temos que destacar que esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Por outra banda, esperamos poder seguir mercando parcelas para así adquirir os dereitos que precisamos para poder restaura-las fragas da nosa bisbarra.