A dez días da IX Semana de Custodia

7 Setembro 2022

 
Nos dous últimos anos non celebramos a Semana de Custodia por precaución, debido á delicada situación sanitaria. Dada a súa melloría, chegou o momento de retomar un evento que ten como misión difundir entre os cidadáns a necesidade de que se impliquen directamente na conservación do noso patrimonio natural a través da custodia do territorio, participando como voluntarios e doadores nas actuacións de mellora dos espazos naturais da nosa bisbarra.

Imaxe do cartel da IX Semana de Custodia do Territorio nas MariñasTitulamos o modesto programa deste ano como A natureza mariñán diante dun futuro incerto, pois as distintas manifestacións do agravamento da crise climática, nun contexto global de crise socio-política, auguran a chegada de tempos dramáticos. Por este motivo debemos prestarlle máis atención que nunca ós espazos naturais. Están a proporcionarnos uns servizos ecosistémicos que poden se-la clave para atenua-los efectos dos drásticos cambios medioambientais que se aveciñan. Pero iso soamente sucederá se os coidamos esmeradamente.

Por favor, descarga o programa e o cartel da Semana para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil, concello de residencia e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarasnos a organización.

Eco-regata na ría de Betanzos: Iniciámo-lo programa con esta multitudinaria recollida de lixo na marisma. Nas seis edicións anteriores enchemos dez contedores industriais, superando un volume total de 70 m3. Animamos a toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos, mentres outros voluntarios quedarán no porto axudando a descarga-los sacos de lixo. Colaboran na organización Amigos dos Ríos de Betanzos, Lar de Unta, Roxín Roxal, Club de Remo Olímpico do Mandeo e Asociación Ría do Pedrido. Tamén colaboran o Concello de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha, indicando se vas embarcarte ou ben axudar no porto. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 17 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Mergullándonos nos bosques mariñáns: Como acto central da Semana programamos unha charla-coloquio co Dr. Joaquín Giménez de Azcárate. Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, forma parte do grupo de investigación Análise e Conservación da Biodiversidade. Para darlle maior audiencia, a charla deste botánico será difundida telemáticamente; para conferirlle máis amenidade, terá un formato de entrevista, na que bos coñecedores do estado do noso patrimonio natural interrogarano sobre distintos aspectos dos espazos protexidos da bisbarra e sobre a extraordinaria importancia de conservar as fragas e as turbeiras no contexto actual de crise climática.
Data: Xoves 22 de setembro, de 19:30 a 21:00 horas.
Lugar: Emisión telemática en directo (dispoñible posteriormente en diferido) a través de Youtube na sesión da conferencia.

Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a decimoterceira edición da limpeza simultánea dos ríos galegos, que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a novena edición na que colaboremos. O ano pasado participamos 991 persoas e 67 entidades, logrando retirar máis de 14 toneladas de refugallos en treitos de ríos situados en 51 concellos. Este ano volveremos ó río Mendo para continuar recollendo lixo no entorno da ponte da Ermida. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 25 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Podemos permanecer como espectadores da degradación dunha natureza que constitúe o noso soporte vital, a modo de pasaxeiros incapaces de reaccionar ante o barco que se afunde. Pero tamén podemos ser actores que traten de alterar na medida das súas posibilidades o rumbo desta crise ambiental. A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na zona, na que ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra atopan a oportunidade de actuar dun xeito directo, eficaz e coordinado na súa conservación.

¡Ti decides se queres ser actor ou espectador!

 
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).