Quincena moi atarefada

4 Setembro 2022

 
Recuperado o ritmo de traballo unha vez rematada a intensa vaga de calor deste verán, nas dúas últimas semanas estivemos moi ocupados con labores de moi distinta índole.

Lancha: Trala botadura inaugural o sábado 20, fixemos dúas saídas para recoller lixo na xunqueira da ría de Betanzos, nas que participaron tres persoas. O total do que levamos recollido empregando a lancha suma xa case media tonelada (466,47 kg). Esperamos mante-lo ritmo dunha saída semanal, pois a cantidade de plásticos, poliexpán e outros refugallos ocultos entre o xunco é enorme.

Rego das Bouzas: O sábado 27 despedímonos dos participantes na sexta edición do campo de traballo internacional Monte da Espenuca, cunha breve charla na que expresámoslles o noso agradecemento polo seu compromiso coa conservación da natureza. Continuando a labor das catro edicións anteriores, dende o día 18 estiveron eliminando invasoras neste pequeno afluente do Mandeo, realizando un esforzo conxunto de 288 horas. O resultado é notable: cerca dunha tonelada (953,4 kg) de tradescantia, 1.170 tubérculos de crocosmia e 92,95 kg de lixo. Dúas persoas regresamos o luns seguinte para avanzar nun tramo no que non puideron traballar, por presentar unha orografía escarpada, eliminando 10,8 kg de tradescantia, arrincando 622 tubérculos de crocosmia, cortando innumerables exemplares de cana negra e retirando 33 kg de lixo.

Ríos apadriñados: O día 31 rematámo-la revisión do verán dos tramos de ríos apadriñados, cunha visita ó Mendo, onde retiramos 4,9 kg de tradescantia, arrincamos 12 tubérculos de crocosmia e recollemos 4,65 kg de lixo. Cada vez atopamos menos invasoras, pero hai que estar vixilantes permanentemente.

Reserva de Anfibios do Catorce: Fixemos unha roza de mantemento o luns 22, necesaria para reduci-los riscos de incendio na zona de bosque. Os seis participantes na xornada de voluntariado do domingo 28 retiraron 50,10 kg de xunca olorosa e 2 kg de áster americano.

Praia Grande de Miño: A revisión das especies exóticas invasoras neste areal ocupounos dúas xornadas, o martes 23 e o venres 2, nas que participaron nove persoas. Retiramos en total 105,05 kg de eixerón e 75,45 kg de lixo. A boa noticia é que non atopamos moitas das especies eliminadas en anos anteriores.

Praia da Alameda: A erradicación dos álamos brancos na zona trasdunar está resultando complicada, pois xa levamos catro días repasando os rebrotes, cun avance moi lento. A enorme dificultade para eliminar esta especie alóctona da nosa comarca leva a meditar na irresponsabilidade de plantar especies inapropiadas en ecosistemas tan delicados como os dunares.

Viveiro: As árbores autóctonas do noso viveiro precisaron atencións continuadas, especialmente nos días calorosos das últimas semanas. Pertencentes a 17 especies distintas, esperamos poder plantar boa parte delas no monte este inverno, para así favorecer a biodiversidade local.

Semana de Custodia: Tras dous anos adiada pola pandemia, estes días estivemos programando a novena edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas, na que contaremos coa colaboración de ARBE e outras asociacións e clubs deportivos locais. O día 17 de setembro pola tarde faremos a eco-regata, participaremos o día 25 na limpeza simultánea dos ríos galegos e o día 22 coñecerémo-la perspectiva do Dr. Joaquín Giménez de Azcárate, botánico da Universidade de Santiago de Compostela, sobre os bosques da nosa bisbarra.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).