Traballando baixo a choiva

31 Outubro 2022

 
Tras a longa seca estival que sufrimos este ano, chegaron as choivas. As correntes de borrascas non lograron paraliza-la nosa actividade, aínda que sen dúbida dificultaron varias das nosas actuacións nas últimas semanas.

Litoral: Dende a botadura inaugural da nosa lancha a mediados de agosto, temos saído con ela un día tódalas semanas para recoller lixo na xunqueira da ría de Betanzos. Nestes momentos levamos retiradas 3,5 toneladas de refugallos (3.464,80 kg, dos que 674,65 kg corresponden á eco-regata). Tamén arrincamos unha macolla de plumachos no carrizal da Cangrexeira e onte iniciámo-la eliminación do foco que está a carón do muro do pazo de Mariñán, onde arrincamos 8 macollas.

Reserva do Catorce: Ademais de repasa-las zonas onde reaparece a xunca olorosa, arrincando tódolos exemplares que naceron, realizamos varias tarefas de mantemento que foron demoradas pola pandemia: rexuvenecemento de charcas, roza de camiños interiores, limpeza de cunetas, redución do mato, poda de árbores, clareo de coníferas, etc. Con estas actuacións buscamos manter en bo estado os hábitats de reprodución dos anfibios e facilita-la accesibilidade dos que visiten a reserva.

Ríos: No río Mandeo xa rematámo-la recollida de lixo e a eliminación de invasoras trimestrais no treito de 7,6 km de ribeira que apadriñamos. Aínda que apareceu pouco lixo, permitiunos eliminar os dous incipientes focos de tradescantia que localizamos nesta ocasión, ademais de repasa-los vellos focos do balneario do Bocelo e da fábrica de luz do Zarzo. O día 22 fixemos unha xornada de voluntariado para percorrer boa parte deste tramo, na que participou un grupo de empregados de Inditex e familiares seus, conformado por 20 adultos e 8 cativos.

Viveiro: Non deixamos de atende-las numerosas árbores que medran no noso viveiro, de 16 especies autóctonas distintas, á espera de que chegue o día de plantalas no monte, aínda que coas choivas xa non é preciso estar tan pendentes delas coma no verán.

No próximo mes esperamos remata-la eliminación do foco de plumachos de Mariñán e as tarefas de mantemento na Reserva de Anfibios do Catorce, repasa-lo tramo apadriñado no río Mendo e volver ós montes que des-eucaliptizamos recentemente en Espenuca para acabar cos rebrotes de eucaliptos que teñan aparecido. Tamén temos previsto continuar coas saídas semanais na lancha para recoller lixo, mentres as inclemencias meteorolóxicas non o impidan. Como pode verse, traballo non falta cando se trata de conserva-la natureza.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).