Voluntariado o día 26 no Ollo da Roda

19 Febreiro 2023

 
Na última inspección periódica da nosa reserva do Ollo da Roda, detectamos que aparecera un foco de tradescantia. Está medrando na linde da zona húmida e incluso algúns exemplares xa nacen na auga. Debido ó risco inminente de que se espalle polo espazo encharcado, onde sería moi difícil eliminala, programamos para o próximo domingo día 26 unha xornada de voluntariado para tratar de erradicala.

O traballo é doado e o lugar de fácil acceso. Non fai falla levar ferramentas, pero hai que vestir roupa axeitada e calzado robusto (preferiblemente botas de auga), así como protectores para os xeonllos. Prognostican bo tempo, pero frío a primeira hora, polo que é conveniente ir ben abrigado. Non debe esquecerse algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a manter en bo estado ecolóxico este enclave, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 26 de febreiro de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: O tempo foi perfecto para traballar, cunha temperatura agradable, malia que prognosticaran frío. Retiramos 263,15 kg de biomasa de tradescantia e 65,85 kg de lixo. Aínda que as 15 persoas que participamos traballamos arreo, haberá que volver, pois non logramos rematar co foco.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).